Visibilizar o papel das mulleres na literatura, obxetivo do II Mercadillo Feminino organizado polas Quetas, coas que colabora o Concello

Este mercado solidario, no que se porán a venda uns 200 libros de 2ª man a prezos entre os 50 céntimos e os 5 euros, terá lugar mañá venres na Praza Maior, entre as 10:00 e as 20:00 horas

Xoves, 03 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Asociación Enriqueta Otero – As Quetas organiza mañá venres, 4 de setembro, o II Mercadillo Feminino na Praza Maior, entre as 10:00 e as 20:00 horas. Trátase dun mercado solidario de libros de 2ª man para todos os públicos, a prezos entre os 50 céntimos e os 5 euros, no que as escritoras ou protagonistas son mulleres.

Co II Mercadillo Feminino, o colectivo lucense As Quetas persegue visibilizar á muller na literatura ao tempo que se fomenta o amor pola lectura e conseguen financiamento para a asociación.

A pasada edición este colectivo, que engloba a unhas 25 mulleres, vendeu un centenar de libros, recadando uns 150 euros, o que lle permitiu continuar organizando actividades ao longo de todo o ano, tales como actuacións na rúa para acadar a igualdade e previr a violencia de xénero. O Concello de Lugo colabora con esta asociación cedéndolle un local no centro María Mariño.

Noticias relacionadas