Transición Ecolóxica limpa e roza a avenida Adolfo Suárez en tempo récord cun amplo despregue de persoal e maquinaria

O alcalde Miguel Fernández acudiu, xunto á edil de Cohesión Social e Territorial, para comprobar a marcha das obras, que remataron hoxe despois de dúas intensas xornadas.

Para executar os labores de limpeza e roza foi necesario empregar ata unha ducia de traballadores e distinta maquinaria, ademais de coordinar varios servizos municipais.

O alcalde sinala que “o acceso á cidade pola Fervedoira sigue a ser unha das vías máis empregadas polo que o seu acondicionamento e mantemento debe ser prioritario”.

Mércores, 19 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Transición Ecolóxica limpa e roza a avenida Adolfo Suárez en tempo récord cun amplo despregue de persoal e maquinaria

Co obxectivo de acondicionar e ter a punto o acceso á cidade pola Fervedoira, a área de Transición Ecolóxica coordinou os traballos de roza e limpeza na avenida Adolfo Suárez, desenvolvidos onte e hoxe cun amplo despregue de persoal e maquinaria. O alcalde Miguel Fernández e titular da citada área, xunto á edil de Cohesión Social e Territorial, Ana González Abelleira, comprobou esta mañá a marcha dos traballos, que se executaron nun tempo récord, grazas ao traballo dunha ducia de operarios da empresa adxudicataria do Servizo Municipal LuceLugo. Miguel Fernández sinalou ao respecto que “o acceso á cidade pola Fervedoira sigue a ser unha das vías máis empregadas polo que o seu acondicionamento e mantemento debe ser prioritario”.

Ademais do despregue de persoal, os traballos de acondicionamento e limpeza desta vía en ámbolos dous marxes da calzada, precisaron do traslado ata a zona de diferente maquinaria, como tractores con rozadoira, sopradores eléctricos, tractores con brazos articulados e de arrastre, necesarios para acometer os traballos de roza mecánicos. Ademais, foi preciso trasladar ata a zona unha varredora de calzadas para deixar a vía limpa unha vez finalizadas as tarefas. Igualmente, contouse coa axuda de vehículos auxiliares eléctricos e furgonetas eléctricas para o movemento de ferramentas e persoal, xunto a dous capataces encargados de coordinar o operativo.  

Os labores de roza manual e mecánica desta avenida son a xuízo do alcalde, Miguel Fernández, “esenciais non só para manter en bo estado este acceso á cidade, senón para garantir a seguridade viaria do tráfico na avenida Adolfo Suárez, mellorando a visibilidade da calzada en ámbolos dous marxes”. Sobre a zona da Fervedoira, o rexedor municipal sinalou que “é de vital importancia para a cidade; de feito, nos orzamentos deste ano contémplase un proxecto de mellora do acceso á cidade por esta zona, cun investimento de 100.000 euros neste exercicio, para a redacción dun proxecto realmente transformador. Este acceso á cidade centrará parte das melloras previstas para os próximos anos”.

Multimedia

  • Transición Ecolóxica limpa e roza a avenida Adolfo Suárez en tempo récord cun amplo despregue de persoal e maquinaria
  • Transición Ecolóxica limpa e roza a avenida Adolfo Suárez en tempo récord cun amplo despregue de persoal e maquinaria
  • Transición Ecolóxica limpa e roza a avenida Adolfo Suárez en tempo récord cun amplo despregue de persoal e maquinaria

Noticias relacionadas