O Executivo de Paula Alvarellos denuncia o uso de céspede artificial, formigón e outros elementos sintéticos nas rotondas das estradas de titularidade autonómica.
As plantas e elementos naturais, ademais da súa función decorativa, contribúen á redución de gases de efecto invernadoiro e á protección da biodiversidade.
O edil Mauricio Repetto sinalou que “este tipo de actuacións da Xunta van en contra dos principios de sostibilidade e responden a unha política que busca reducir custos a costa do medio ambiente”.

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Transición Ecolóxica, quere trasladar á Xunta de Galicia a súa preocupación polo uso de materiais artificiais como céspede sintético e formigón na ornamentación das infraestruturas situadas en estradas de titularidade autonómica dentro do municipio. Esta práctica, que responde claramente a unha política orientada a reducir custos no mantemento, contrasta coas políticas aplicadas polo Goberno local, que aposta por plantas, flores e outros elementos naturais que melloran a calidade ambiental e a estética urbana.
“Este tipo de actuacións da Xunta van en contra dos principios de sostibilidade e responden a unha política que busca reducir custos a costa do medio ambiente,” afirmou o edil en funcións de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto.
Desde Transición Ecolóxica tamén se recorda que os elementos naturais, ademais do seu valor ornamental, desempeñan un papel esencial na loita contra o cambio climático. “Non só embelecen as nosas cidades, senón que contribúen de forma directa á redución de gases de efecto invernadoiro, protexendo a biodiversidade e creando espazos máis sostibles para a veciñanza,” subliñou Repetto.
O edil tamén incidiu en que “este tipo de actuacións poden ser comprensibles en zonas cunha baixa pluviosidade ou condicións ambientais adversas, pero non encaixan nunha cidade como Lugo, que conta cunha riqueza natural e uns ecosistemas privilexiados que deben ser protexidos e postos en valor”.
Lugo é a única capital da Península Ibérica integrada nunha Reserva da Biosfera, e este compromiso coa sostibilidade reflíctese nas accións do Executivo de Paula Alvarellos, como a recente plantación de 37.000 unidades de plantas e 150 árbores en espazos públicos, fortalecendo o seu modelo de urbanismo respectuoso co medio natural.
Ademais, o Goberno local defende que o uso de plantas e árbores nas infraestruturas públicas é unha forma de promover a implicación da veciñanza na preservación ambiental. “Cada espazo verde é unha oportunidade para educar e sensibilizar á poboación sobre a importancia de coidar o medio ambiente. Ao recorrer a materiais artificiais, pérdese esa conexión tan necesaria entre a cidade e a súa contorna natural,” concluíu Repetto.
O Goberno local insta á Xunta a reconsiderar o uso destes materiais artificiais e a alinear as súas políticas coas necesidades ambientais e estéticas do municipio. “En Lugo temos claro que as políticas ambientais deben ir máis aló do mínimo indispensable. Seguiremos defendendo un modelo de cidade sostible e comprometida coa súa contorna natural”, finalizou o edil.
Audio
- Transición Ecolóxica insta á Xunta de Galicia a empregar materiais naturais na ornamentación das infraestruturas da súa competencia no municipio de Lugo | Descargar mp3



