A Tinería despedirá este sábado o verán cunha festa Localmente Lucense para dinamizar os comercios e a hostalería do barrio

A cita, impulsada polo Goberno de Lara Méndez, contará con actuacións musicais, mercadiño outlet, concursos, obradoiros infantís, así como espectáculos de animación.
 
“Despedimos o verán e facémolo da mellor maneira posible: con música, actividades variadas e, sobre todo, apoiando aos establecementos da cidade”, subliñou a alcaldesa.
 
Lara Méndez acudiu hoxe a un novo almorzo de negocios na Cafetería Ousá, no que participaron unha trintena de emprendedores e emprendedoras para fortalecer lazos.

Xoves, 22 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Tinería despedirá este sábado o verán cunha festa Localmente Lucense para dinamizar os comercios e a hostalería do barrio

A Tinería despedirá este sábado o verán cunha nova festa temática, promovida polo Goberno de Lara Méndez e enmarcada no movemento Localmente Lucense, co obxectivo de dinamizar os comercios e a hostalería do barrio. Trátase, deste xeito, dunha das accións de dinamización específicas para o desenvolvemento económico e social da Tinería, enmarcadas no Plan de fomento do emprendemento e a consolidación empresarial posto en marcha pola rexedora.

“Despedimos o verán e facémolo da mellor maneira posible: con música, actividades variadas e para todas as idades, e sobre todo, apoiando aos establecementos de proximidade de Lugo”, subliñou a alcaldesa, quen animou a toda a veciñanza a participar no programa da Festa de Fin de Verán, “que acollerá un barrio histórico e senlleiro como é a Tinería, onde o Concello acondicionou varios locais para cedelos a emprendedores e emprendedoras da cidade”.

Neste senso, Lara Méndez convidou a coñecer os negocios do barrio a través do mercadiño outlet que se instalará con motivo desta cita e no que os establecementos participantes poderán mostrar os seus produtos e servizos a pé de rúa. A xornada tamén contará con sesión vermú con dj, obradoiros para crianzas e espectáculos para todos os públicos, un concurso infantil de collages, un concurso de adultos de fotos de verán e como peche final unha actuación musical.

Toda a información sobre a cita, así como as inscricións para o mercadiño e os concursos poden atoparse na páxina web http://localmentelucense.gal/fin-veran/

Programa da xornada

  • De 11.00 a 21.00 h. Música ambiental e photocall.
  • De 11.00 a 12.00 h. Pasarrúas con carriño musical que percorrerá as rúas do barrio difundindo as actividades do movemento LocaLmente Lucense.
  • De 11.00 a 20.00 h. Mercadiño outlet: cada negocio participante mostrará os seus produtos e servizos nunha bancada.
  • De 12.00 h. a 19.00 h. Inscricións presenciais aos concursos: Concurso de adultos “Aquel verán do 22” e Concurso infantil “Collage do verán”. As inscricións tamén se poderán facer  con anterioridade cubrindo o formulario da web http://localmentelucense.gal/fin-veran/  .

Premios dos CONCURSOS:

  • Infantil1º premio (vale de 50 euros para gastar nos establecementos adheridos a LocaLmente Lucense), 2º premio (vale de 25 euros para gastar nos establecementos adheridos a LocaLmente Lucense).
  • Adultos1º premio (vale de 200 euros para gastar nos establecementos adheridos a LocaLmente Lucense), 2º premio (vale de 125 euros para gastar nos establecementos adheridos a LocaLmente Lucense), e  3º premio (vale de 75 euros para gastar nos establecementos adheridos a LocaLmente Lucense).
  • De 12.00 h. a 14.00 h. . Obradoiro infantil Collage de Verán: crea o teu propio collage, con fotos de verán e distintos materiais que complementen a peza: xornais, papeis de cores, flores secas, plumas, purpurina, serpentinas…
  • De 13.30 h. a 15.30 h. . Sesión vermú a cargo do DJ Fetén con especial fincapé na música comercial máis escoitada neste verán.
  • De 17.00 h. a 18.00 h. “Canta Baila Xogos”: a cargo de Pandilluky: espectáculo de animación para todo o público.
  • De 19.00 h. a 20.00 h. NONO: espectáculo de clown, mimo, malabares e manipulación de marionetas a cargo de Arturo Cobas.
  • 21.00 h. Entrega de premios: como resumo do día e con ambiente de festa, pechamos a xornada facendo entrega dos premios, en vales de compra, ás persoas gañadoras dos dous concursos do evento.
  • De 22.00 h a 23.30 h. Actuación musical de Carta de Ajuste en clave de verbena.

Almorzo de negocios na Cafetería Ousá

A cafetería Ousá, situada na Rolda da Muralla, acolleu este xoves un novo almorzo de negocios enmarcado no movemento Localmente Lucense, posto en marcha polo Goberno de Lara Méndez para a dinamización económica da cidade. Trátase do sexto evento deste tipo que organiza o executivo municipal, a través da área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a edil Ana Abelleira.

A alcaldesa e a concelleira participaron nesta cita que congregou a unha trintena de empresarios/as e emprendedores/as lucenses. “Buscamos facilitar novas oportunidades de negocio ao tecido empresarial da cidade, ofrecéndolle aos participantes a posibilidade de ampliar a súa rede de contactos”, lembrou Méndez.

Estes encontros se van organizando nos distintos barrios da cidade, para facilitar a participación e tamén como unha ocasión de mobilizar os comercios e negocios da zona. Así, a concelleira subliñou que “os almorzos son un foro a través do que mellorar a comunicación entre os emprendedores da cidade e facilitar a creación de novos lazos”.

Multimedia

  • A Tinería despedirá este sábado o verán cunha festa Localmente Lucense para dinamizar os comercios e a hostalería do barrio

Noticias relacionadas