Seis persoas traballarán este verán na brigada de prevención de incendios que prestará servizo en Lugo

As contratacións, cun custe de 37.000 euros, faranse en virtude do convenio entre o Concello e a Xunta

Luns, 08 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou a posta en marcha do proceso para seleccionar os membros dunha brigada contra incendios forestais que operará durante os meses de verán no concello de Lugo.

Esta decisión tomouna a Xunta de Goberno Local hoxe nunha sesión extraordinaria, a penúltima desde mandato xa que o mércores está prevista a derradeira reunión exclusivamente para aprobación da acta, tal e como explicou Luis Álvarez.

Álvarez informou de que este ano o convenio coa Xunta prevé a contratación dunha brigada contra incendios, composta por cinco peóns e un xefe para os labores de prevención e defensa contra incendios forestais no Concello de Lugo.

As contratacións faranse ó abeiro do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería do Medio Rural e do Mar e o seu custe será de 29.910 euros no caso dos peóns e de 7.703, no do xefe.  

A Xunta de Goberno  as bases do proceso selectivo para a contratación dos peóns e o xefe desta brigada de prevención e defensa de incendios durante a temporada estival do ano 2015. Terán o cometido de desempeñar traballos de vixilancia e extinción de incendios forestais e de prevención de incendios mediante actuacións manuais de roza.

A duración do contrato será de tres meses, de xullo a setembro.  O sistema de selección consistirá en dúas fases: un exame tipo test, que terá carácter eliminatorio, e un baremo de méritos.  As persoas que desexen tomar parte neste proceso deberán presentar as instancias no Rexistro Xeral do Concello no prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da provincia.

Luis Álvarez tamén deu conta de que a Xunta de Goberno Local autorizou a realización de servizos extraordinarios polo persoal de extinción de incendios durante o período do 19 ó 21 de xuño, con motivo da celebración da festa do Arde Lucus.

O Voceiro do Goberno local en funcións tamén deu conta da aprobación de dúas novas licencias para a construción de naves no parque empresarial das Gándaras, unha delas para a venda polo maior de equipos de mantemento de subestacións eléctricas, na rúa B, parcela P.2.4, e outra para a compra-venda e reparación de bases de paletizado (palets) de madeira e para a agrupación das parcelas E.3.1 e E.3.2.

/sites/default/files/documentos/adjuntos/2015/06/08.06.15_brigada_incendios.mp3

Noticias relacionadas