Santiago de Saa xa dispón dun Centro Dinamizador

Xoves, 04 de novembro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, acompañado pola Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Carmen Basadre, o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, e o pedáneo de Santiago de Saa, Marcelino Pita, visitaron esta mañá o Centro Dinamizador de Santiago de Saa.

Este é o quinto Centro de Dinamización en funcionamento, e súmase así, aos centros de Coeses, San Xoán do Campo, Bóveda e Calde, e as escolas rurais de Santa Comba, San Pedro de Mera, Castelo e Rubiás. Os centros de dinamización contan cunha subvención total de 82.000 euros da Concellería de Benestar Social. Dende esta Concellería se programou durante este ano un total de 42 obradoiros no rural, de xeito que os veciños e veciñas da zona rural poden facer cursos de ximnasia, baile ou de memoria, igual que os que viven na cidade.

Outro aspecto no que o Concello loita para equiparar ós veciños do rural cos da cidade é o das Novas Tecnoloxías. Dende a Concellería de Servizos Xerais se leva investidos 653.000 euros, financiados pola Unión Europea e o Concello, entre outras cousas para estender a banda longa mediante tecnoloxías WiFi: na actualidade lévase a cabo a segunda fase deste proxecto que permitirá ampliar os telecentros a trece escolas máis, co que a Rede de Telecentros Rurais contará con 13 telecentros. Nesta segunda fase o investimento que se fai é de 200.000 euros.

O Alcalde de Lugo destacou que “se está investindo como nunca na zona rural para dar aos veciños e veciñas os mesmos beneficios dos que viven na zona urbana”, e destacou os investimentos que leva feitos a Concellería de Zona Rural, que se achegan a 850.000 euros no arranxo de escolas, pontes, na compra de sinais, marquesinas, en acondicionamentos, asfaltados ou rozas de pistas.

Multimedia

Noticias relacionadas