O Tenente de Alcalde anunciou o inicio dunha peonalización "que permitirá crear un camiño peonil desde o barrio da Milagrosa ata a praza de Bretaña"
Arroxo: "seguimos a traballar en proxectos que teñan un impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal"

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou a rúa Milagrosa xunto con veciños e veciñas do barrio, onde anunciou que nos vindeiros días comezará a peonalización da rúa, no treito comprendido entre as rúas Mallorca e Xulia Minguillón, un proxecto que, segundo explicou, "permitirá completar un corredor peonil permitirá conectar a praza da Milagrosa coa praza de Bretaña, facilitando un percorrido seguro e accesible para a veciñanza". O proxecto foi adxudicado á empresa Urbaconsa e suporá un investimento de 409.005,80€. Na visita estiveron presentes responsables da obra, que comenzará nos vindeiros días, e o edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas.
"Con esta obra seguimos avanzando na creación dunha cidade máis accesible e sostible", afirmou. O proxecto de humanización tamén inclúe importantes melloras nas infraestruturas de abastecemento de auga e drenaxe. A rede de abastecemento será renovada por completo, substituíndo as antigas tubaxes de PVC por fundición dúctil, e instalando novas válvulas, bocas de rego e de incendio para garantir a seguridade e durabilidade da rede. Ademais, para a drenaxe superficial, colocarase unha liña de rígola en ambas marxes da calzada, que dirixirá a auga de escorrentía cara aos sumidoiros conectados á rede de saneamento e aos Sistemas Urbanos de Drenaxe Sostible (SUDS), reducindo así o volume de auga que entra no sistema municipal.
Nos últimos anos, a Área de Infraestruturas avanzou na transformación urbana da zona norte da cidade a través da peonalización de rúas clave como a rúa Divina Pastora, a praza de Agro do Rolo, a praza da Milagrosa e parte da rúa Milagrosa ata a rúa Curros Enríquez. A isto, sinala o Tenente de Alcalde, engádense recentemente as peonalizacións das rúas Luis Seoane e Camiño Real, "creando unha rede de espazos peonís e fortalecendo o compromiso co modelo de mobilidade sostible".
Rubén Arroxo insistiu en que "a zona da Milagrosa é xa un punto de encontro e dinamización social e económica do barrio, algo que se verá incrementado con este novo proxecto que ampliará este impacto positivo, facilitando a accesibilidade e a convivencia veciñal".
Audio
- O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, sobre a peonalización da Milagrosa | Descargar mp3


