A programación do día das Letras Galegas incluíu un concerto da agrupación Claustro Música e diversas actividades polo centenario de Ulises e a Feira do Libro.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, acompañado pola concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, asistiron ás actividades que acolle a cidade de Lugo coincidindo coa celebración do día das Letras Galegas. Maite Ferreiro animou a toda a veciñanza a pasear por Lugo esta fin de semana e asistir ás distintas actividades culturais que se organizan dentro dos múltiples ciclos de programación que teñen lugar estes días, dado que "xunto ás actividades do día das Letras Galegas acollemos a celebración do centenario de Ulises e a celebración do Día dos Museos", afirmou Maite Ferreiro.
A xornada do 17 de maio contou cun concerto gratuíto da agrupación Claustro Música, xunto con 8 actividades na Feira do Libro, que celebrou hoxe a súa xornada de despedida, e unha intensa xornada de tarde dentro da programación do Centenario de Ulises, con faladoiros, concertos e un brinde poético.
A programación cultural na fin de semana continuará o sábado cos concertos de Clo Plas (18 de maio ás 12:45 no exterior do Centro Arqueolóxico de San Roque) e a portuguesa Malva (18 de maio ás 18:30 no exterior da Sala de Exposicións Porta Miñá), e a xornada de peche da Ulysses European Oddisey, con 5 actividades na súa última xornada.



