
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu este martes ao acto de entrega da 6º edición do Premio Peme do Ano de Lugo, outorgado á empresa Vinigalicia. Certame que foi posto en marcha pola Cámara de España e o Banco Santander e conta na provincia de Lugo coa colaboración da Cámara lucense e El Progreso.
A rexedora falou da importancia da recuperación económica e da implicación do Concello lucense “a través do fondo emprendedor municipal Lugo Transforma, de 12 millóns de euros, que servirá de impulso á economía verde, ao talento e á creación de emprego sostible”. Iniciativa pioneira en Galicia no ámbito municipal, que se articula a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores na modalidade de fondo de capital risco, “para que haxa traballadores e emprego en Lugo, evidentemente, ten que haber empresas” apuntaba Méndez.
A organización concedeu ademais catro accésits a outras tantas empresas. O de internacionalización recaeu en Adegas Guímaro; o de innovación e dixitalización en MBC Servicios Audiovisuales; o de Pyme sostible, a Cárnicas Teijeiro e o de formación e emprego a Costanor S. XXI.
O acto, tivo lugar na oficina principal do Banco Santander na capital lucense, asistiron, entre outras autoridades, o Presidente da Deputación, José Tomé; o Presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Xabier Díaz; o Director de Zona de Lugo do Banco Santander, David Suárez e o Director financeiro do Grupo El Progreso, Rafael Núñez.