As localidades portuguesas de Vila Nova de Famalicão e Braga albergan a XV edición dun evento que contará con máis de 2.400 participantes, a cifra máis alta na súa historia.
- Tema

O equipo do Concello de Lugo iniciou a súa participación na XV edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que se inaugurou este domingo e celebrarase ata o vindeiro 5 de xullo nas localidades portuguesas de Vila Nova de Famalicão e Braga, reunindo a máis de 2.400 participantes, a cifra máis alta na súa historia. Esta mañá o equipo lucense iniciouse nas competicións de fútbol, baloncesto e voleibol feminino.
115 deportistas e 22 adestradores e adestradoras que representarán ao Concello de Lugo nesta nova edición dos Xogos, participando nun total de seis disciplinas (atletismo, baloncesto, balonmán, fútbol 7, natación e voleibol). Durante o acto de inauguración desfilaron as 27 delegacións que participan este ano, percorrendo as rúas de Famalicão desde o Centro Civico, próximo aos Paços do Concelho, até a Praça D. Maria II.
As modalidades deportivas nas que competirán son balonmán feminino e masculino, voleibol feminino, baloncesto masculino e feminino, natación e natación adaptada, atletismo e atletismo adaptado. Como novidade desta edición, ao Fútbol 7 masculino súmase Fútbol 7 feminino.
Deporte adaptado
Como vén sendo habitual nos Xogos do Eixo Atlántico, esta edición tamén integra modalidades de deporte adaptado, coa participación de case 150 persoas, en liña coa filosofía do Eixo Atlántico de eliminar barreiras e fomentar a participación deportiva de toda a cidadanía.
Homenaxes
Nesta XV edición, o deportista homenaxeado é Luís Silva, medalla de ouro no Campionato de Europa de Boccia en 2013. O atleta paralímpico é o primeiro famalicense en conquistar unha medalla olímpica xa que conseguiu a prata na modalidade Pares BC3 nos Xogos Paralímpicos de Londres, en 2012.
Tamén se homenaxeou a Quino Quintas, unha persoa moi implicada na organización de todas as edicións dos Xogos do Eixo Atlántico e que deixou a súa marca nos mesmos.


