A renovación dos campos de fútbol I e II das Gándaras sométese ao control da FIFA

As probas, realizadas estes días námbalas dúas instalacións, certificarán a alta calidade do céspede de artificial e a súa seguridade para a práctica deportiva

A área de Deportes investiu 350.000 euros no acondicionamento dos terreos de xogo que volverán estar a disposición da cidadanía a partir de setembro

Sábado, 29 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A renovación dos campos de fútbol I e II das Gándaras sométese ao control da FIFA

O edil de Deportes, Miguel Fernández, supervisaba estes días a realización das probas técnicas que, persoal dos laboratorios homologados pola FIFA, está levando a cabo nos campos de fútbol I e II das Gándaras para certificar que a reforma das instalacións supera os requisitos esixidos polo organismo internacional para a práctica deportiva.

“Os estudos sirven para avaliar aspectos como a seguridade, o rendemento, a vida útil, a garantía de calidade e a comodidade de xogo que brinda o novo céspede artificial”, indicou o concelleiro ao tempo que sinalou que estas tarefas esixiron medicións, entre outros aspectos, do espesor do recheo do terreo, da porosidade e grosor dos filamentos e mesmo simulacións do desgaste e resistencia á rodadura do balón que ofrece o propio material.

“Este análise, alén de ser un garante dos traballos realizados, contribúe a mellorar a práctica do fútbol a todos os niveis e constata que, á hora de acometer a remodelación destas dotacións, se tivo en conta a protección da saúde dos xogadores. Outra mostra máis dos niveis de esixencia do Concello Lugo en cuestións como a seguridade e a calidade das actuacións que executa pero tamén do apoio continuado da administración local aos clubes, aos que quere fornecer das mellores ferramentas posibles para que desenvolvan o seu labor”, sinalou Miguel Fernández.

Os controis de calidade son xa o último paso antes de que os recintos se poñan, novamente, a disposición da cidadanía, o que terá lugar a partir de setembro.
A área de Deportes destinou 350.000 euros ao seu acondicionamento que se suman ao investimento xa efectuado nos campos de Frigsa e a Cheda.

Audio

  • O edil de Deportes, Miguel Fernández, sobre o control da FIFA, nos campos das Gándaras | Descargar mp3

Noticias relacionadas