As pistas de petanca creadas polo Concello en Frigsa fan posible o primeiro torneo deste deporte na cidade

O Concelleiro de Deportes, e o presidente e o secretario do Club Petanca de Lugo presentaron o campionato, que terá lugar o sábado, a partir das 10:00 horas

Xoves, 16 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As pistas de petanca creadas polo Concello en Frigsa fan posible o primeiro torneo deste deporte na cidade

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, xunto ao presidente e o secretario do Club Petanca de Lugo, Eusebio Méndez e Pablo Negro, presentaron este xoves no edificio de Novas Tecnoloxías o primeiro campionato deste deporte que se celebrará na cidade, un evento posible grazas ao acondicionamento que fixo o Concello o pasado verán dunhas pistas no Parque de Frigsa a petición dun grupo de veciños afeccionados a este xogo. O torneo terá lugar o sábado, a partir das 10:00 horas.

A área municipal que dirixe Miguel Fernández colabora coa organización do certame, impulsado polo Club Petanca de Lugo co fin de “dar visibilidade a esta modalidade tan popular, que atrae a gran cantidade de participantes”. O Concelleiro destacou a importancia deste xogo na poboación por dous motivos fundamentais, “por unha banda, porque favorece a actividade física, polo tanto a calidade de vida, e pola outra, porque axuda á socialización, pois este espacio converteuse nun lugar de encontro e relación das persoas”.

O alto número de inscritos nesta edición fai prever a continuidade deste torneo en anos vindeiros, nos que os organizadores, segundo subliñou Fernández, poderán seguir contando co apoio municipal.

O Presidente do Club Petanca de Lugo, Eusebio Méndez, agradeceu o interese mostrado polo Concello por cubrir a gran demanda lucense por este deporte co acondicionamento da pista no Parque de Frigsa, que agora se ve ampliado coa colaboración neste primeiro torneo na cidade de Lugo.

Os equipos participantes estarán formados por tres integrantes e o campionato desenvolverase polo sistema de eliminación. Ao rematar procederase á entrega de trofeos para todos os participantes.

Miguel Fernández convidou a todos os lucenses a asistir a este novidoso evento deportivo na cidade para coñecer este popular xogo, que ten as súas orixes nos comezos do século XX na Provenza francesa, aínda que xa hai pegadas de na época romana.

Noticias relacionadas