Paula Alvarellos: “Esta Ofrenda supón unha oportunidade de irmandade entre todas as galegas e galegos”

A Alcaldesa de Lugo recibiu no Casa Consistorial aos representantes das sete cidades das antigas capitais do reino, antes de celebrar a Ofrenda ao Santísimo Sacramento.

Alvarellos Fondo destacou o traballo do Bispado e do Concello de Lugo para acadar a distinción de BIC para esta tradición con más de 350 anos de antigüidade.

O alcalde de Mondoñedo, encargado de facer a tradicional Ofrenda, pediu "pola cohesión social e porque o diálogo sexa o motor dun camiño para acadar a paz”.

Domingo, 09 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos: “Esta Ofrenda supón unha oportunidade de irmandade entre todas as galegas e galegos”

A Alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, recibiu esta mañá no Concello de Lugo aos representantes de A Coruña, Betanzos, Mondoñedo, Ourense, Santiago de Compostela e Tui, que xunto a Lugo son as sete cidades das antigas capitais do reino de Galicia que realizan a Ofrenda ao Santísimo Sacramento. Unha vez recibidas as autoridades das distintas institucións públicas lucenses, galegas e nacionais e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, a Alcaldesa sinalou que “todas e todos os presentes estaremos de acordo en que esta cita xa trascendeu o mero feito relixioso que viviremos nuns momentos na Catedral de Lugo, para converterse non so en parte relevante e indisociable da historia de Galicia, senón en algo cando menos tan importante: nunha oportunidade de irmandade entre os galegos aquí representados na súa maior parte polas autoridades das distintas institucións e Concellos”.

Ademais, Alvarellos Fondo dixo sentirse “moi honrada por representar a todas e todos os lucenses neste acto e nunha ofrenda que moi pronto, grazas ao gran traballo do Bispado e deste Concello de Lugo, será declarada Ben de Interese Cultural, co que lograremos protexer ao máximo unha tradición instaurada na nosa cidade desde o ano 1669 por parte dos representantes das sete capitais do antigo Reino de Galicia”. Neste sentido insistiu en que “a catalogación desta celebración servirá para protexer este patrimonio inmaterial, pero tamén para afondar nun dos obxectivos deste Goberno Local, como é consolidar Lugo como un referente turístico a nivel peninsular pola súa riqueza histórica e patrimonial”.

Pola súa banda, o alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, como encargado de facer a ofrenda desta tradición con máis de 350 anos de antigüidade, pediu pola “cohesión social e porque o diálogo sexa o motor deste camiño, e a paz o obxectivo a conseguir, nuns momentos con moitos conflictos bélicos e sociais”.

Tras un concorrido acto de recepción no Concello de Lugo, as corporacións de Lugo e Mondoñedo, acompañadas do resto de autoridades partiron cara á Catedral para asistir á misa solemne e á ofrenda, e á posterior procesión pola praza Maior, que rematou de novo na Catedral.

Multimedia

  • Paula Alvarellos: “Esta Ofrenda supón unha oportunidade de irmandade entre todas as galegas e galegos”
  • Paula Alvarellos: “Esta Ofrenda supón unha oportunidade de irmandade entre todas as galegas e galegos”
  • Paula Alvarellos: “Esta Ofrenda supón unha oportunidade de irmandade entre todas as galegas e galegos”

Noticias relacionadas