Paula Alvarellos destaca a necesidade de promover unha cidadanía comprometida e solidaria na apertura da mostra ‘Destino Igualdade’

A exposición se enmarca nos proxectos de sensibilización social financiados polo Concello, con cargo as subvencións a ONGDs impulsadas dende a Área de Benestar.

Organizada pola Fundación Vicente Ferrer, conta historias de superación de mulleres na India e en España, para promover o liderado feminino.

Venres, 24 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos destaca a necesidade de promover unha cidadanía comprometida e solidaria na apertura da mostra ‘Destino Igualdade’

Promover o liderado feminino e incrementar a educación de calidade para romper estereotipos e os círculos de pobreza, estigma e discriminación. Estes son algúns dos obxectivos que persigue a mostra Destino Igualdade, inaugurada hoxe no Vello Cárcere pola alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, quen destacou a necesidade de incentivar unha cidadanía comprometida e solidaria, que participe nas tarefas de cooperación internacional.

A exposición, impulsada pola Fundación Vicente Ferrer, se enmarca nos proxectos de sensibilización social financiados polo Concello de Lugo, con cargo ás subvencións a ONGDs, dependentes da área de Benestar Social e Maiores, que dirixe Olga López Racamonde, concelleira que también asistiu á inauguración. A mostra recala no Vello Cárcere despois de visitar algúns centros de ensino de Lugo, como o IES Muralla Romana, o IES Ánxel Fole e o IES Sanxillao, onde ademais se desenvolveron actividades de concienciación e divulgación destas problemáticas entre o alumnado.

A mostra itinerante, que poderá visitarse ata o vindeiro 30 de xuño, ten como obxectivo fomentar o espírito de solidariedade, mellorar o coñecemento e información sobre a problemática dos países máis desfavorecidos e estimular a participación da cidadanía lucense nas tarefas de cooperación internacional. Así o explicaron a propia alcaldesa e a delegada da Fundación Vicente Ferrer en Galicia e no Principado de Asturias, María Moldes.

Paula Alvarellos eloxiou esta iniciativa e fixo fincapé en que "como administración local, temos a obriga de contribuír a fomentar unha visión crítica e un cambio nos valores cara unha cidadanía solidaria e comprometida co desenvolvemento sostible e a transformación que esixe unha sociedade de futuro".

A mostra aberta hoxe leva ao visitante por varias historias de superación de mulleres da India e de España, dando visibilidade aos cambios que son necesarios para romper estereotipos e os círculos de pobreza e discriminación, uns cambios que no caso das mulleres veñen dados pola independencia económica ou polo liderado feminino.

Destino Igualdade non é a primeira iniciativa da Fundación Vicente Ferrer coa que colabora o Concello de Lugo. Así o puxeron de manifesto na apertura da mostra, tanto Paula Alvarellos como María Moldes. De feito, a alcaldesa chamou a atención sobre algunha destas colaboracións, como as dos anos "2018 e 2020, nos que apoiamos a construción de vivendas con saneamento para familias vulnerables da India rural, cos obxectivos de garantir o dereito a unha vivenda digna e de favorecer a igualdade de xénero, ao escriturar a nome das mulleres".

Tamén destacou, pola súa faceta didáctica e educativa, o proxecto “un mundo, 17 retos: construíndo unha cidadanía solidaria e comprometida co desenvolvemento sostible”, que realizamos hai uns anos, e co que tamén chegamos a varios centros de ensino da cidade.

Por último, a alcaldesa lembrou "o importante labor que realiza desde hai décadas a citada fundación a prol das comunidades máis vulnerables e de xeito moi especial na loita contra a desigualdade e a discriminación da muller, e en beneficio do desenvolvemento sostible da sociedade".

Multimedia

  • Paula Alvarellos destaca a necesidade de promover unha cidadanía comprometida e solidaria na apertura da mostra ‘Destino Igualdade’
  • Paula Alvarellos destaca a necesidade de promover unha cidadanía comprometida e solidaria na apertura da mostra ‘Destino Igualdade’

Noticias relacionadas