Paula Alvarellos copreside a Xunta Local de Seguridade e activa un operativo especial con motivo da celebración do Caudal Fest

A Policía Local desplegará un total de 7 indicativos que estarán operativos en horario ininterrompido desde ás 14 horas ata ás 6 da madrugada durante as dúas xornadas do festival e que se coordinaran cos dispositivos especiais de Tráfico e da Policía Nacional.

O corpo de Bombeiros dedicará dúas dotacións en horario completo a maiores do servicio ordinario para atender calquera tipo de incidencia no recinto e na súa contorna.

O festival contará un ano máis cun punto violeta contra a violencia machista no que se levarán a cabo labores de información, asesoramento e sensibilización.

Luns, 09 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos copreside a Xunta Local de Seguridade e activa un operativo especial con motivo da celebración do Caudal Fest

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este luns a Xunta Local de Seguridade con motivo da celebración do Caudal Fest, que terá lugar o 20 e 21 de setembro na contorna fluvial do río Miño. Na xuntanza definíronse as actuacións previstas en materia de seguridade e tráfico e acordouse reforzar os recursos dedicados á seguridade do festival debido a alta afluencia prevista.

Deste xeito, a rexedora explicou que a Policía Local desplegará sete indicativos e unha unidade de atestados durante as dúas xornadas do festival. Os axentes estarán operativos en horario ininterrompido o venres e sábado desde ás 14:00 ata as 06:00 horas da madrugada e levarán a cabo a súa labor de forma coordinada cos dispositivos especiais de Tráfico e da Policía Nacional, que tamén reforzarán o s seus operativos respecto a pasadas edicións.

Por outra banda, ademais da importante mobilización por parte do Servizo de Protección Civil, o corpo de Bombeiros dedicará dúas dotacións en horario completo a maiores do servicio ordinario para atender calquera tipo de incidencia no recinto ou na súa contorna.

Alvarellos explicou que “este operativo especial terá por obxecto a regulación do tráfico e o control da seguridade viaria; a preservación da seguridade cidadá e a orde pública, así como a prevención de delitos contra a saúde pública e contra o patrimonio”. “Tamén haberá un punto violeta contra a violencia machista no que se levarán a cabo labores de información, asesoramento, sensibilización e atención a posibles vítimas de agresións sexistas”, engadiu a alcaldesa.

A alcaldesa destacou a importancia da coordinación entre as institucións para o bo desenvolvemento dunha cita “que xa é referente no noroeste peninsular”. “A sexta edición do festival buscará ser a máis exitosa da historia en canto a cifra de asistentes, polo que reforzaremos os dispositivos de control para garantir a seguridade de todas as persoas”, explicou Alvarellos quen animou ao público a “a gozar de forma responsable” do festival.

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, ofreceu a colaboración tanto da Subdelegación do Goberno como das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado con reforzos de patrullas polos arredores do recinto e controis nas zonas que conten con maior afluencia, entre outros mecanismos para preservar a seguridade de miles de asistentes.

A subdelegada apelou á responsabilidade dos cidadáns para que Lugo siga recibindo e levando a cabo propostas que conten con artistas e bandas de renome, poñendo á provincia e á cidade no mapa como sinónimo de festas de calidade, exitosas e seguras.

Na reunión participaron, ademais da alcaldesa de Lugo e a Subdelegada do Goberno, representantes da Policía Local, do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento, do Subsector de Tráfico, da Dirección Xeral de Emerxencias, do Corpo Nacional de Policía, de Protección Civil e da organización do festival.

O Caudal Fest 2024 contará de novo co apoio do Concello de Lugo como impulsor e dinamizador do festival, desde a súa primeira edición, e con Estrella Galicia, principal patrocinador privado do evento.

Noticias relacionadas