Os Premios EntreMulleres 2008 galardoan a dúas lucenses pola súa contribución á defensa dos dereitos da muller e á dinamización social

Luns, 10 de marzo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

As traballadoras da Casa da Muller recibiron unha homenaxe sopresa en recoñecemento ao traballo que desenvolven

Unha placa instalada na Casa Consistorial lembra os cen anos de loita pola igualdade

O programa de actos conmemorativos do centenario do Día Internacional das Mulleres continúa este sábado, día 8, co festival eMFeminino

Os Premios EntreMulleres 2008 foron entregados polo Alcalde, José López Orozco, e pola Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre nun acto que tivo lugar este venres, 7 de marzo, ás 12:00 horas no Salón de Plenos da Casa Consistorial.

Os premios galardoaron este ano a dúas mulleres pola súa contribución á defensa e promoción dos dereitos das mulleres e polo papel desempeñado na dinamización social e cultural nunha parroquia da zona rural lucense. Francisca González Otero e María Paz de la Fuente son as mulleres premiadas e representan a cabeza máis visible de dúas asociacións moi activas na cidade como, son a Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas de Lugo e a Asociación Cultural Xuvenil e Veciñal O Castro de Coeses.

Francisca González Otero comezou no ano 1994 a súa andaina como fundadora, xunto a un grupo de donas, da Asociación de Mulleres Separadas e Divorciadas de Lugo. Este colectivo estableceu unhas redes de colaboración e apoio para superar a ruptura sentimental, loitar contra a violencia de xénero e ofrecer servizos de axuda para compatibilizar o traballo co coidado dos fillos. Moitas son as lucenses que atoparon asesoramento ao longo destes 14 anos de traballo solidario desta asociación e pola súa contribución á defensa e a difusión dos dereitos das mulleres o Concello de Lugo concedeu este premio.

María Paz de la Fuente Romay é, dende 1997, a Presidenta da Asociación Cultural Xuvenil e Veciñal O Castro de Coeses, agrupación fundada en 1995 para dinamizar a vida social e cultural desta parroquia lucense. Un total de 270 veciños, dos cales o 75% son mulleres, forman parte desta asociación que foi creada co reto de ofrecer aos habitantes desta parroquia un centro de dinamización social e cultural equiparable aos da zona urbana.

Ademais de servir para crear postos de traballo, este centro xa se convertiu cos anos nun centro de reunión interxeneracional onde os veciños atopan actividades de lecer, internet gratuíto, cursos de formación e servizos de orientación laboral. Unha das últimas novidades introducidas é o servizo de hixiene persoal para maiores que ofrece servizos de perruquería e podoloxía para as persoas con dificultades para desprezarse.

Por toda a labor de dinamización social e cultural que leva a cabo dende fai máis de dez anos esta asociación o Concello de Lugo concedeulle este premio a súa presidenta.

O Alcalde e a Concelleira de Muller entregaron dúas figuras da emblemática María Castaña deseñada por Sargadelos.

Para rematar, López Orozco e Carmen Basadre rendiron unha homenaxe sorpresa a todas as traballadoras da Casa da Muller nun día tan significativo polo traballo que desenvolven e recibiron como lembranza outra figura da mítica guerrilleira.
Descubrimento da placa conmemorativa
Unha vez rematado o acto de entrega de premios, a Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, descubriu unha placa conmemorativa do centenario da declaración do 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres. O texto da placa, que está situada nunha columna da Casa Consistorial, é o seguinte:
“1908 - 2008
Cen anos de loita
8 de marzo de 2008
Concello de Lugo”

Con este acto homenaxease a loita levada a cabo por xeracións de mulleres para acadar a igualdade xurídica e social, ao longo destes cen anos, e pretende servir para concienciar á sociedade de que aínda falta moito camiño por percorrer para acadar a igualdade plena e real.

Actos Día Internacional das Mulleres
O programa de actos deste centenario continúa este sábado, 8 de marzo, coa celebración do festival eMFeminino que terá lugar ás 20:00 horas na Praza de Santa María.

Este espectáculo é unha cita na que se mesturarán diferentes estilos artísticos coas mulleres como protagonistas:

-Música (Soul-Hip Hop).- Arianna Puello, Ikah, Mefe, Aniki, Woyza, Delise.

-Danza (Break Dance) Master class ofrecida por Peppa. Bailarinas: Peppa, Movie One, Ther.

-Arte (graffiti) Artistas: Rosyone, Lahe, Era.

O programa de actos de conmemoración dos cen anos de loita organizado pola Concellería de Muller e Benestar Social continuará con diversas actividades ata o vindeiro 12 de abril.

Noticias relacionadas