
A Concelleira de Benestar Social, Olga López, participou este xoves no III Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía, que acollerá a cidade caboverdiana de Mindelo, do 7 ao 9 de xullo. O encontro está organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Lugo.
‘Desenvolvemento local e a localización dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, unha visión asentada no proceso de transición dixital dos territorios’ é o epígrafe baixo o que se celebran estas xornadas, que se divulgan coincidindo co Día de África, no que Nacións Unidas chama precisamente a apoiar ao continente na consecución dos ODS.
O programa incorpora tanto sesións plenarias como obradoiros arredor das tres temáticas principais: resiliencia fronte ao cambio climático, finanzas municipais e mobilización de recursos, e máis planificación, xestión e orzamentos participativos nas políticas públicas locais.
Así mesmo, haberá unha mesa de intercambio de experiencias sobre a monitorización da Axenda 2030 e xuntanzas entre os actores para concretar futuras colaboracións. Terá lugar asemade a reunión anual da Rede de Autoridades Locais da Lusofonía polos ODS, impulsada polo Fondo Galego tras o primeiro foro realizado en Santiago de Compostela en 2019.