O X Comercio na Rúa bate récord e máis de cen tendas ofrecerán o venres descontos de ata o 80%

A Concelleira de Economía, a Deputada provincial de Promoción Económica e a presidenta da entidade organizadora, a Asociación de Autónomas, presentaron a xornada, que se desenvolverá de 10:30 a 21:00 horas de xeito ininterrompido

Contará cunha ampla representación do comercio de proximidade: dende textil e  calzado ata regalo, fogar, xoiería, peletería, decoración, eventos, mercería, perfumes, deporte, herboristería e golosinas, entre outros

Mércores, 05 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O X Comercio na Rúa bate récord e máis de cen tendas ofrecerán o venres descontos de ata o 80%

Máis de cen tendas da cidade ofrecerán este venres descontos de ata o 80% na décima edición de Comercio na Rúa – Street Market, unha cifra récord de participación neste evento, organizado pola Asociación de Autónomas de Lugo, que conta coa colaboración do Concello e a Deputación. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, e a presidenta e a secretaria da Asociación de Autónomas, Marta López Yáñez e Teresa Fernández López, respectivamente, presentaron este mércores a nova xornada comercial, que se desenvolverá en establecementos situados en 25 rúas da cidade en horario ininterrompido de 10:30 a 21:00 horas.

Na cita participará unha ampla representación do comercio de proximidade de Lugo: textil, calzado, regalo, fogar, xoiería, peletería, decoración, eventos, mercería, perfumes, deporte, herboristería e golosinas, entre outros.

A Concelleira de Economía felicitou á asociación organizadora “porque cada ano o número de tendas que se involucran nesta iniciativa é maior, o que supón un éxito para todos”, e destacou a “colaboración que se estableceu entre o Concello, a Deputación e a Asociación de Autónomas para potenciar este tipo de actividades que dinamizan a economía e o emprego da nosa cidade”. No Concello “estamos moi orgullos por colaborar cun evento que impulsa un sector estratéxico como é o comercio, que xera o 14% do PIB e o 16% dos postos de traballo do municipio”, asegurou a edil.

O obxectivo é “revitalizar o pequeno comercio, que fixo moitos esforzos importantes para satisfacer as necesidades de todos os veciños e veciñas. En Lugo temos de todo”, afirmou Ana Prieto, quen animou aos veciños a gozar desta nova edición de Comercio na Rúa e mercar.

Pola súa banda, a Deputada de Promoción Económica explicou que a Deputación colabora a través da Fundación TIC difundindo a xornada a través das redes sociais. Sonsoles López destacou o “éxito” de Comercio na Rúa nos últimos anos “a nivel visual e social. Rómpense as barreiras e non hai que entrar nas tendas, senón que estas saen á rúa”. A Deputada puxo en valor así mesmo a “variedade e calidade” do tecido comercial lucense e o “dinamismo” da asociación de autónomas.

A presidenta deste colectivo, Marta López, agradeceu “a todos os colaboradores que empezaron apoiando esta iniciativa, o Concello, a Deputación, a través da Fundación TIC, e a Federación Galega de Comercio”. López subliñou a importancia de bater un récord de participación nesta décima edición, sobre todo tendo en conta a situación actual, “porque hai moitos vaivéns, abren uns comercios e pechan outros; está cambiando moito o comercio de proximidade”. “Esperamos que o venres, co bo tempo, a xente saia a rúa, busque a cor laranxa coa que estarán identificados os comercios participantes e compre porque vai haber unhas ofertas moi boas coma sempre, un gran producto a un prezo moi pequeno”, asegurou a presidenta da Asociación de Autónomas.

Audio

Noticias relacionadas