O profesor da Escola Municipal de Música Efraím Díaz estrea a 1ª obra composta para pito pastoril en Alto de Sol e banda de música

O lucense é o único centro musical de Galicia que actualmente está a impartir a materia instrumental de pito pastoril galego e conta co Grupo Didáctico de Pito Pastoril único no seu tipo

Luns, 19 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O profesor da Escola Municipal de Música Efraím Díaz estrea a 1ª obra composta para pito pastoril en Alto de Sol e banda de música

O profesor da Escola Municipal de Música de Lugo Efraím Díaz estreou onte no Palacio da Ópera da Coruña a obra O bosque do asubiador de Juán Duran, a primeira composta para pito pastoril en Alto de Sol e banda de música, o que supón un fito na historia da música galega que explora as posibilidades deste instrumento. A actuación contou coa participación básica da Banda Sinfónica Municipal da Coruña, nesta ocasión dirixida por Andrés Valero-castells, que ademais de director é recoñecido compositor valenciano.

Juan Durán é autor de obras de música de cámara, vocal, sinfónica e escénica, ademais de arranxos e orquestracións de música galega. Foi Premio da Cultura Galega en 2013 e recentemente Premio Reina Sofía de Composición en 2018.

A obra é un concertino para pito galego e Banda de Música. Un concertino é un tipo de concerto para un instrumento solista de curta duración, segundo palabras do compositor “unha obra fresca, en positivo, alegre, nada dramática, unha obra lírica”. A composición toma como pretexto no seu título 3 elementos recorrentes que están no imaxinario colectivo galego; o asubiador (paxaro), o afiador e o seu chifre, e a lenda do Demo Asubiador (moi coñecida na provincia de Pontevedra).

O instrumento usado para a estrea foi un pito pastoril Alto de Sol construído por Miguel Mosquera, un referente de actualidade na construcción de dito instrumento. Miguel Mosquera ten ampliado a gama dos pitos galegos, cos pitos pastoriles galegos Altos de Sol (1999), Sopranos de Do e Sib, Sopraninos de La e Sol e Tenor de Re e Mib.

A Escola Municipal de Música do Concello de Lugo é o único centro musical de Galicia que actualmente está a impartir a materia instrumental de pito pastoril galego e conta co Grupo Didáctico de Pito Pastoril único no seu tipo, sendo Efraím Díaz docente de ambas materias. Díaz editou en 2015 o seu segundo disco coma solista, o disco “Pito Galego”, que recolle 19 temas sobre este instrumento en diferentes estilos musicais.

O pito pastoril galego foi un instrumento de pasatempo pastoril, mais pouco a pouco foi acadando unha perfección que lle confire dúas octavas cromáticas, ideal para tocar el só, acompañando a voz, con percusión, zanfonas, requintas ou mesmo con gaitas.

Unha das funcións primixenias do pito foi a da actuar como instrumento de estudio previo á gaita. Antigamente fabricábanse de sabugueiro ou de cana.

É un instrumento que estivo a piques de desaparecer. Basilio Carril e Paulino Pérez foron os últimos constructores coñecidos que os fabricaban, tradicionalmente en Mi bemol. Seguindo o modelo de Basilio Carril, Antón Corral retomou a súa construcción, coa incorporación da tonalidade de Re en 1979.

Noticias relacionadas