O Plan Dinámico de Intervención do Concello de Lugo permitiu actuar en máis de 14 dotacións deportivas nos últimos meses

A Área de Deportes investiu nese período preto de 200.000 euros en instalación municipais, entre as que destacan Frigsa, As Pedreiras e o Pavillón Municipal.

As melloras realizadas garantizan instalacións deportivas de maior calidade, adaptadas ás necesidades dos usuarios e dos eventos deportivos.

O edil Jorge Bustos destacou que “a modernización das instalacións deportivas responde ás demandas dos clubes e usuarios, promovendo valores deportivos e fortalecendo o tecido asociativo".

Venres, 13 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan Dinámico de Intervención do Concello de Lugo permitiu actuar en máis de 14 dotacións deportivas nos últimos meses

O Plan Dinámico de Intervención do Concello de Lugo, impulsado pola área de Deportes, permitiu actuar en máis de 14 dotacións deportivas no último trimestre.  A concellería que dirixe Jorge Bustos, realizou nos últimos meses un investimento de preto de 200.000 euros no mantemento e modernización das instalacións deportivas municipais. Este esforzo consolida o compromiso do Executivo de Paula Alvarellos coa supervisión constante e a actualización progresiva destas dotacións, fundamentais para a práctica deportiva.

Jorge Bustos destacou o impacto desta estratexia de mellora continua: “O Plan Dinámico de Intervención é unha ferramenta esencial para priorizar as actuacións máis necesarias e garantir que as nosas instalacións deportivas estean sempre á altura das expectativas dos seus usuarios.” Este modelo permite adaptar as infraestruturas ás demandas tanto dos clubes como dos deportistas ocasionais, ofrecendo espazos seguros e modernos.

No último trimestre, realizáronse melloras significativas en instalacións como as piscinas de Frigsa e As Pedreiras, o Pavillón Municipal, o Polideportivo da Piringalla, as pistas de Fingoi e San Xoán, e os campos de fútbol da Cheda, As Gándaras, Nadela e o Polvorín. Tamén se interveu noutros espazos destacados, como o Castiñeiro, o Sagrado Corazón e o parque das Termas, incrementando a funcionalidade e o confort destas dotacións.

As intervencións realizadas abranguen desde a modernización dos sistemas de iluminación e calefacción ata a renovación de infraestruturas clave, como redes eléctricas ou espazos impermeabilizados, co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e reducir o impacto ambiental. Estes traballos complementáronse coa posta a punto de equipamentos deportivos, sempre co fin de garantir unhas condicións óptimas para adestramentos, competicións e actividades individuais.

“Estas actuacións son imprescindibles para ofrecer espazos de calidade que promovan a práctica deportiva en condicións seguras e confortables,” afirmou Jorge Bustos, quen tamén destacou o traballo realizado con clubes e entidades deportivas: “Desde a área que diriximos, colaboramos estreitamente co tecido asociativo para impulsar valores deportivos e fomentar a formación da mocidade.”

A planificación eficiente destas accións permite que as intervencións se realicen sen interromper o uso habitual das instalacións. “Revisamos periodicamente as actuacións necesarias para que cada investimento teña o maior impacto posible no servizo que prestamos á cidadanía,” engadiu o edil. Este enfoque reforza o compromiso do Goberno local cunha xestión transparente e efectiva das máis de 50 dotacións deportivas municipais, cedidas gratuitamente a asociacións e clubes, que son supervisadas de maneira constante.

Multimedia

  • O Plan Dinámico de Intervención do Concello de Lugo permitiu actuar en máis de 14 dotacións deportivas nos últimos meses
  • O Plan Dinámico de Intervención do Concello de Lugo permitiu actuar en máis de 14 dotacións deportivas nos últimos meses

Noticias relacionadas