O plan de roza das estradas do rural estará rematado a finais de mes

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación de obras de mellora de nove rúas do polígono do Ceao por 532.000 euros

Mércores, 09 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández, voceiro municipal

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, avanzou este mércores que o plan de roza das estradas do rural estará rematado a finais deste mes de setembro. Fernández deu conta desta data na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que acordou prorrogar por 15 días o prazo de execución dos traballos, que contan con 97.200 euros de orzamento.

Ata o de agora, segundo informou o voceiro, as tarefas acometéronse xa en 18 das 50 parroquias que contempla este plan de roza: Coeses, Saá, Meilán, Castro, Bocamaos, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, San Román, Esperante, Bóveda-Santalla, Vilachá de Mera, San Xoán do Campo, Fixós, Ribas de Miño, Piñeiro e Carballido. Actualmente estanse a acometer as tarefas de limpeza en Soñar, Orbazai e Santa María Alta. Destes traballos encárganse 6 tractores e 14 operarios. A brigada municipal faise cargo da limpeza viaria das 4 parroquias restantes. No día de hoxe comezaron os traballos de desbroce en Mazoi tras rematar en Tirimol.

Con estas actuacións, que responden ás peticións veciñais, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios.

O plan de roza, que contempla a limpeza duns 700 quilómetros, “enmárcase na decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida dos seus veciños”, sinalou Miguel Fernández, quen insistiu en que o Goberno local “defende uns servizos básicos de calidade para todos os lucenses, nos que non haxa cidadáns de primeira nin de segunda”.

Obras no Ceao

Por outra banda, a Xunta de Goberno, como xa avanzou onte o voceiro municipal, aprobou a adxudicación de obras de acondicionamento de rúas do polígono do Ceao. O prazo de execución destas actuacións, que contan cun orzamento de 532.000 euros, é de tres meses.

Trátase de “importantes melloras en 9 rúas do núcleo industrial máis importante da nosa cidade, así como dunha glorieta, a súa vía de servizo e beirarrúas”, indicou Miguel Fernández.
O Concello acometerá a renovación do pavimento das rúas do Ceao “para adaptalo ás necesidades actuais do tráfico que circula diariamente polo polígono, que beneficiará a todos os que desenvolven o seu traballo neste parque empresarial”, argumentou o voceiro.

“No Concello somos conscientes das oportunidades que ofrece un polígono accesible, capaz de contribuír ao desenvolvemento económico da cidade, posto que pola súa boa localización convértese na carta de presentación de Lugo para moitos industriais que se achegan á nosa cidade para levar a cabo a súa actividade empresarial”, engadiu.

Os traballos de rexeneración do firme acometeranse na rúa dos Artesáns, Canteiros, Inspección, Agricultura, Vidrio, Mercadorías, Factorías, Carros e Industrias, así como na glorieta e nas beirarrúas de Benigno Rivera e na súa vía de servizo. Estas actuacións acometeranse interferindo o mínimo na actividade empresarial da zona.

Audio

  • Miguel Fernández, voceiro municipal, sobre a adxudicación das obras de mellora|Descargar mp3

Noticias relacionadas