O Plan de Barrios do Goberno prepara dúas obras máis: a pavimentación en Santo Graal e a ampliación do abastecemento en Saamasas

A Xunta de Goberno deu luz verde á contratación de ambos os dous traballos, cun orzamento de 310.000€ e 79.000€, respectivamente. O prazo de execución será de 6 meses para as primeiras tarefas e de tres meses para as segundas

O prazo de presentación de proposicións será de vinte días naturais contados dende a publicación do anuncio no Perfil do Contratante

Mércores, 21 de novembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores sacar a contratación a rehabilitación de firme na rúa Santo Graal, na Piringalla, e a amplicación da rede de abastecemento en Saamasas. Trátase de dúas obras do Plan de Barrios que puxo en marcha o equipo de Lara Méndez, e que contan cun orzamento de licitación de 310.000 euros e 79.000 euros respectivamente.

Tal e como explicou o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, as tarefas en Santo Graal consisten en mellorar o firme, pois atópase cun estado superficial inadecuado con múltiples zonas de grietas e pavimento cuarteado. O prazo de execucución dos traballos será de 6 meses.

No caso das Saamasas, o Concello dotará a este núcleo da rede de abastecemento municipal xa que actualmente a veciñanza da contorna ten pozos particulares; ampliando deste xeito a rede que existe nas proximidades.

O Concello publicará un anuncio de licitación no Perfil do Contratante, aloxado na Plataforma de contratación do sector público. O prazo de presentación de proposicións será de vinte días naturais contados dende dita publicación. 

Con estas tarefas, o Goberno volve a amosar a súa aposta polos distintos barrios de Lugo e por garantirlle aos veciños e veciñas servizos públicos de calidade, que faciliten o seu día a día.

Outros asuntos

Na sesión deste mércores, aprobouse sacar a contratación o servizo de axuda no fogar por unha duración dun ano, podendo prorrogarse por períodos máximos anuais sen exceder de cinco anos; e un orzamento de 3.690.780,72 euros para a primeira anualidade.

Así mesmo, tamén se aprobou unha liña de axudas para asociacións e persoas xurídicas privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da xuventude, por 10.000 euros. Deste xeito, o Goberno renova o compromiso cos colectivos que traballan no eido da mocidade, dinamizando ademais a vida diaria do municipio. O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días, contados dende o día seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, a través do Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Ademais, tal e como avanzara a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, aprobouse o proxecto para a realización do primeiro edificio público de Galicia construído con madeira galega, semente do que será o primeiro barrio multiecolóxico de España. O proxecto, no marco do Lugo+Biodinámico, ten un orzamento de 1.040.503,30 euros e un prazo de execución de 12 meses.

Audio

Noticias relacionadas