O Pavillón Municipal de Lugo acolle esta fin de semana a Golden League de Voleibol coa participación das seleccións nacionais de España, Eslovaquia e Letonia

O torneo internacional disputarase do venres ao domingo no Pavillón Municipal, que se consolida como sede de referencia para o voleibol estatal grazas ao acordo entre o Concello e a RFEVB.

Miguel Fernández destacou o impacto turístico e deportivo destas citas, “que atraen a persoas afeccionadas chegadas de toda España e sitúan a Lugo no mapa do voleibol europeo”.

O alcalde visitou tamén hoxe ás xogadoras da selección sub21 feminina, entre as que se atopan varias lucenses como Candela López e Olalla González, concentradas na cidade.

Luns, 16 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Pavillón Municipal de Lugo acolle esta fin de semana a Golden League de Voleibol coa participación das seleccións nacionais de España, Eslovaquia e Letonia

O Pavillón Municipal de Lugo acollerá esta fin de semana unha nova cita de alto nivel no marco do acordo de colaboración entre o Concello e a Real Federación Española de Voleibol: a fase da Golden League Europea que enfrontará ás seleccións absolutas masculinas de España, Eslovaquia e Letonia.

O torneo comezará o venres 20 de xuño cun duelo entre España e Eslovaquia a partir das 19:30 horas. O sábado 21, Letonia e Eslovaquia xogarán ás 17:00 horas, mentres que o domingo 22, tamén ás 19:00 horas, será a quenda do España–Letonia. Todos os encontros disputaranse no Pavillón Municipal, con entrada libre ata completar aforo.

A presentación oficial celebrouse este luns no propio recinto, coa participación do alcalde de Lugo, Miguel Fernández; o concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos; o xefe territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Otero; e o presidente da Federación Galega de Voleibol e vicepresidente da RFEVB, José Ángel Luna. Tamén estiveron presentes o seleccionador español, Hubert Henno, e o capitán do equipo, Ángel Trinidad.

“Eventos como este non só permiten gozar en Lugo de deporte de elite, senón que atraen a centos de persoas afeccionadas de toda España e xeran un importante retorno económico na hostalaría e no comercio local”, valorou o alcalde, quen tamén salientou que “o Pavillón Municipal está chamado a ser un dos grandes referentes do voleibol en España”.

Miguel Fernández sinalou que “Lugo está aproveitando ao máximo este acordo coa Federación, converténdose na casa das seleccións españolas en 2025, o que supón unha gran oportunidade para reforzar o turismo deportivo e consolidar o prestixio da nosa cidade como sede de competicións de primeiro nivel”.

Xunto á presentación da Golden League, o alcalde visitou tamén esta mañá as xogadoras da selección española sub21, que se atopan concentradas en Lugo ata o 2 de xullo e entre as que destacan varias lucenses como Candela López ou Olalla González. O equipo preparará na cidade os próximos compromisos internacionais, incluíndo un amigable fronte a Portugal o vindeiro 28 de xuño.

Noticias relacionadas