O operativo especial de limpeza do Concello de Lugo recolle 5 toneladas de residuos tras a festa da Carballeira e restablece a normalidade en catro horas

O dispositivo, despregado desde as 07:00 até as 11:00 horas, permitiu deixar a zona limpa e acondicionada antes do mediodía.

A cantidade de residuos mantense estable respecto a 2023, cun aumento moderado na fracción resto e un incremento nos envases e vidro.

O alcalde, Miguel Fernández, agradeceu o traballo do equipo de Luce Lugo e apelou “ao civismo para que esta celebración conviva co respecto ao entorno e á veciñanza”.

Xoves, 10 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O operativo especial de limpeza do Concello de Lugo recolle 5 toneladas de residuos tras a festa da Carballeira e restablece a normalidade en catro horas

O operativo especial de limpeza activado pola área de Transición Ecolóxica recolleu un total de 5.020 quilos de residuos na Carballeira de Fingoi trala celebración estudantil que tivo lugar durante a pasada madrugada. A actuación, desenvolvida polo equipo de LuceLugo, deu comezo ás 07:00 horas da mañá deste xoves e logrou restablecer a normalidade no espazo en tan só catro horas, finalizando os traballos ás 11:00 horas.

“Un ano máis, o servizo municipal de limpeza respondeu cunha actuación impecable, rápida e respectuosa co entorno, que permitiu devolverlle a normalidade a esta zona verde emblemática da cidade sen apenas afectación para a veciñanza”, sinalou o alcalde, Miguel Fernández, quen agradeceu de maneira expresa “o traballo de todo o equipo humano de Luce Lugo, que demostra cada ano a súa profesionalidade en contextos de alta intensidade como este”.

A recollida realizouse de forma selectiva, o que permitiu clasificar os residuos en distintas fraccións: 1.480 kg de residuos procedentes das máquinas de limpeza viaria (+100 kg respecto a 2023), 1.200 kg de fracción resto (+620 kg), 1.580 kg de envases lixeiros (+230 kg) e 760 kg de vidro (+30 kg). En total, os residuos recollidos foron 5.020 quilos, fronte aos 5.040 quilos rexistrados na edición do pasado ano, o que evidencia unha estabilidade na contorna desta celebración.

Un dispositivo planificado ao detalle

O dispositivo, activado polo Goberno local, contou con máis dunha vintena de profesionais e máis dunha decena de vehículos e maquinaria especializada, entre os que se incluíron dúas cisternas de baldeo mixto, dúas varredoras (eléctrica e de GNC), unha hidro limpadora de alta presión, dous camións satélite, tres triciclos eléctricos, dous vehículos Goupil e un furgón eléctrico con equipo de vapor para a limpeza e desinfección de zonas sensibles. Ademais, participaron oito peóns adicionais e tres capataces que supervisaron as tarefas desde primeira hora.

Como parte das medidas preventivas, o Concello retirou todas as papeleiras da zona e instalou contedores de 800 litros para facilitar a separación dos residuos. Tamén se realizara unha limpeza previa do campo e a súa contorna para preparar o espazo ante a celebración.

“Somos conscientes de que esta celebración forma parte do calendario estudantil lucense, pero tamén temos que insistir na responsabilidade compartida. A convivencia entre lecer e respecto é posible se todas as partes colaboramos”, apuntou Miguel Fernández.

Multimedia

  • O operativo especial de limpeza do Concello de Lugo recolle 5 toneladas de residuos tras a festa da Carballeira e restablece a normalidade en catro horas

Noticias relacionadas