O LIFE Àgua da Prata de Portugal visita Lugo para coñecer o edificio Impulso Verde e o novo bosque urbano impulsado por Lara Méndez

Responsables do proxecto, promovido polo municipio de Évora, interesáronse polas accións que está a executar a rexedora lucense en materia medioambiental.

A visita, que se prolongará durante o día de mañá, serviu para intercambiar experiencias entre os responsables dos proxectos LIFE de Lugo e Évora.

Mércores, 20 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O LIFE Àgua da Prata de Portugal visita Lugo para coñecer o edificio Impulso Verde e o novo bosque urbano impulsado por Lara Méndez

Responsables do proxecto LIFE Àgua da Prata, promovido pola Cámara Municipal de Évora, en Portugal, viaxaron este mércores a Lugo para coñecer as diferentes actuacións que está a impulsar o Goberno de Lara Méndez no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, entre as que destacan a construción do edificio Impulso Verde, o novo bosque urbano das Gándaras ou a elaboración dun catálogo pioneiro de solucións urbanas sostibles.

Esta visita, que se prolongará durante o día de mañá, serviu para intercambiar experiencias entre os responsables dos dous proxectos financiados pola Unión Europea, cuxa finalidade é a defensa do medio ambiente e a loita contra o cambio climático, ao tempo que promove a utilización de tecnoloxías innovadoras en materia medioambiental.

Así, entre as actuacións que se están a poñer en marcha no marco deste proxecto en Lugo tamén se atopan a elaboración dun estudo piloto para a planificación detallada de zonas de confort climático residencial na cidade; a urbanización da parcela do Impulso Verde, coa humanización da contorna, a creación de xardíns de choiva e dun carril bici, alén da pavimentación de zonas peonís con material drenante; ou a creación dunha innovadora zona verde, de máis de 12.610 m² na Garaballa, que permitirá conciliar usos lúdicos, agrícolas e ecolóxicos coa creación de novos hortos urbanos.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, saúdou aos participantes da expedición lusa que puideron coñecer de primeira man todas estas actuacións e os obxectivos específicos do LIFE Lugo+Biodinámico, mediante unha presentación no edificio de Novas Tecnoloxías do Concello.

A continuación, a visita continuou na Garaballa, onde visitaron o Impulso Verde, o primeiro edificio público de Galicia construído con madeira local e, tamén, o primeiro edificio en España, e un dos poucos no mundo, en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto de proximidade.

Tamén tiveron oportunidade de coñecer o novo bosque urbano das Gándaras, que alberga un arboretum con 15.000 exemplares e cultivos enerxéticos, así como 8 bosques autóctonos galegos con 55 especies arbóreas.

LIFE Lugo+Biodinámico

O Concello impulsa o LIFE Lugo + Biodinámico para unir de maneira indisoluble o desenvolvemento urbanístico e a sostibilidade económica da cidade. Con este proxecto, Lugo sitúase como un referente europeo na acción fronte ao cambio climático en contornas urbanas, á vez que se promove un novo modelo produtivo baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sustentable e a xeración de empregos verdes.

O LIFE Lugo + Biodinámico desenvólvese con fondos da Unión Europea a través do Programa LIFE. Cofinanciado polo Concello lucense, conta tamén con financiamento da Deputación de Lugo e co labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela, desde o Campus Terra de Lugo, e da Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas