O Goberno saca adiante no Pleno un paquete de vantaxes fiscais para dinamizar o rural e favorecer a igualdade de oportunidades

Luz verde ao cambio de tres ordenanzas para bonificar nun 95% o IBI das explotacións agrogandeiras, e eximir do copagamento de comida no fogar a persoas en risco de exclusión social e de determinadas matrículas ao alumnado da Escola Municipal de Música

Aprobada a exención do IBI de cinco centros sanitarios á Xunta durante seis anos para afrontar o equipamento do novo auditorio

Xoves, 26 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo conseguiu sacar adiante no Pleno ordinario deste xoves un paquete de vantaxes fiscais para dinamizar o medio rural e contribuír á igualdade de oportunidades dos veciños e veciñas máis desfavorecidos.

Deste xeito, a Corporación, a proposta do Executivo de Lara Méndez, aprobou  implantar unha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario “co fin de dinamizar social e economicamente o rural”, que representa o 80% do territorio do municipio e o 20% da poboación”, subliñou a Concelleira de Economía.

Con esta medida “damos cumprimento a un acordo plenario, e avanzamos no noso firme compromiso co rural. Facemos un esforzo importante porque queremos ofrecer máis facilidades, neste caso a través de medidas fiscais, a aquelas persoas, colectivos e actividades económicas que teñen menos apoio e recursos”, subliñou Prieto.

De feito, engadiu a edil, esta bonificación do 95% da cota íntegra do IBI aos bens inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras, súmase á reducción dun 50%, xa en vigor, do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para os solicitantes de licenzas destinadas a explotacións gandeiras, agrícolas e forestais.

Comida no fogar

O Pleno aprobou tamén modificar a norma reguladora das taxas polas prestación do Servizo de Comida no Fogar co fin de “eximir do copagamento nos casos en que o motivo que orixina esta prestación sexa unha problemática de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil, circunstancia que deberá ser debidamente xustificada no correspondente informe social”. Ana Prieto enmarcou esta proposta “no compromiso do Goberno coas políticas sociais para que ninguén se quede atrás”; de feito, o Concello de Lugo “é o primeiro de Galicia en investimento social e o cuarto de toda España”.

Outro dos acordos adoptados pola Corporación foi o cambio da ordenanza que regula o prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música, consistente na implantación da matrícula gratis nas materias do Bloque D para o alumnado que xa superara os 6 anos de permanencia no centro na súa materia instrumental, e tamén para os que xa estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques.

Equipamento do novo auditorio

Por outra banda, o Pleno acordou a modificación da ordenanza reguladora do IBI, co fin de eximir deste imposto á Administración autonómica durante seis anos, a razón de 600.000 euros/ano, en cinco centros sanitarios: a  residencia das Gándaras, o HULA e os centros de Curros Enríquez, Fontelo e Fontiñas, co fin de afrontar o financiamento do novo auditorio. Ante as críticas de Lugonovo, BNG, Cidadáns e ACE, a Concelleira de Economía lembrou que “había certamente un tempo morto para a dotación do equipamento do auditorio que non podiamos permitir, e a Alcaldesa desbloqueouno e  conseguiu una solución digna que nos vai a permitir gozar a todos os lucenses do auditorio que merecemos”.

Prieto lembrou ademais que este tipo de exencións aplícanse noutras localidades galegas, como é o caso do Concello de Pontevedra para a ampliación do hospital de Montecelo.

Ausencias

O debate e aprobación de todas estas medidas produciuse coa ausencia dos grupos municipais de Lugonovo, BNG e ACE, que decidiron saír do Salón de Plenos pola proposta de eximir do IBI á Xunta para garantir o equipamento do auditorio, unha decisión que lamentou Ana Prieto “porque renunciaron a aprobar a bonificación do 95% do IBI ás explotacións do rural, á exención do copago do servizo de comida no fogar a persoas en risco de exclusión social e á gratuidade de matrículas na Escola de Música”. 

Audio

Noticias relacionadas