O Goberno renova o seu compromiso cos colectivos culturais do municipio e convoca unha liña de axudas de 15.000€ para actividades e infraestruturas

As asociacións interesadas poderán presentar as solicitudes nun prazo de 15 días hábiles contados dende a publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións, a través do BOP. O importe máximo por asociación é de 3.000€

Mércores, 31 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores unha liña de axudas por importe de preto de 15.000 euros destinadas a apoiar e dinamizar a actividade das asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da cultura e para o mantemento, conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que levan a cabo estes programas. Así o anuncio o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, quen subliñou que coa convocatoria destas subvencións, "renovamos o compromiso coa cultura e coas asociacións culturais do noso municipio, que desenvolven un gran traballo en favor da dinamización da vida social”.

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días naturais contados dende o seguinte á publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións. Publicarase tamén no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e no taboleiro de edictos, na páxina web e no Portal de Transparencia do Concello.

Os criterios de valoración son os seguintes: o interese xeral da actividade ou programa, a especialización na atención a colectivos aos que van dirixidos, o seu carácter permanente e continuo, que se trate de entidades ou asociacións que presenten a xuízo da comisión avaliadora unha traxectoria de coordinación e colaboración nas súas actuacións co Concello, orixinalidade e carácter innovador da actividade, que na composición da directiva da asociación exista como mínimo unha porcentaxe do 50% de mulleres, o uso e difusión do galego, oral e escrito, na programación da actividade, a difusión dos valores culturais lucenses e galegos e que a entidade conte cunha vogalía ou departamento de muller ou igualdade. O importe máximo por asociación é de 3.000€.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre a liña de axudas de 15.000€ | Descargar mp3

Noticias relacionadas