O Goberno recibe a autorización de Patrimonio para peonalizar Quiroga Ballesteros

O visto bo supón un paso adiante na execución do proxecto, dotado con 1,1M€ e pendente da liquidación do exercizo orzamentario do 2017

Mércores, 11 de abril de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O voceiro municipal, Miguel Fernández, informou este mércores de que o Goberno vén de recibir o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta que autoriza o proxecto de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, o que supón “un paso adiante” para acometer esta “importante actuación enmarcada no noso modelo de cidade, máis humana, accesible e con máis espazos públicos para uso público”.

Foi preceptivo someter este proxecto ao visto bo de Patrimonio debido a que as obras afectan ao entorno do convento de San Francisco, declarado monumento histórico artístico e Ben de Interese Cultural (BIC). A cuberta non se someteu a este trámite, pois, aínda que vinculada á peonalización, trátase dunha intervención diferente.

Fernández indicou que a peonalización de Quiroga Ballesteros (cun orzamento de 1,1M€), ao igual que todas as obras recollidas na modificación de crédito aprobada o ano pasado –aparcamentos disuasorios, parking do HULA, peonalización da praza da Milagrosa ou eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña, entre outras- sairá a contratación en canto se efectúe a liquidación do exercizo orzamentario do 2017, trámite contable que estará listo a finais deste mes e permitirá dispoñer da consignación económica precisa.

O Garañón

Por outra banda, o voceiro do Concello informou tamén de que onte foi enviada a Patrimonio, tal e como se acordou na última comisión de seguimento da unidade de actuación CS-5, celebrada o día 26 de marzo, a solicitude de que informe sobre as determinacións urbanísticas concretas que materializan a harmonización co entorno no Garañón, isto é, se procede a demolición total ou parcial. O Goberno subliña que este trámite, no marco dun expediente de información previa, está procedimentalmente contemplado co fin de coñecer as circunstancias concorrentes e coordinar a actuación da Administración autonómica preceptiva e vinculante coa actuación municipal, e deste xeito decidir motivadamente. 

Noticias relacionadas