Ana Prieto presentou esta medida na nova mesa de traballo sobre as ordenanzas que mantivo esta mañá cos grupos da oposición
Esta reducción do IBI súmase á do 50%, xa en vigor, no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras tamén para as explotacións agrícolas e gandeiras do municipio
O Goberno de Lugo propón implantar unha bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) das construccións destinadas a actividades económicas agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario co fin de dinamizar social e economicamente o rural, que representa o 80% do territorio do municipio e o 20% da poboación. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, informou desta proposta de modificación da ordenanza 203 reguladora do IBI na nova mesa de traballo sobre as ordenanzas municipais que mantivo cos grupos políticos da oposición esta mañá no Salón de Comisións.
Con esta medida “damos cumprimento a un acordo plenario, e avanzamos no noso firme compromiso co rural. Facemos un esforzo importante porque queremos ofrecer máis facilidades, neste caso a través de medidas fiscais, a aquelas persoas, colectivos e actividades económicas que teñen menos apoio e recursos”, subliñou a Concelleira de Economía, quen lembrou a importancia do sector primario en Lugo, no só porque que no municipio funcionan unhas 400 explotacións gandeiras (200 de leite e 200 de carne), das que viven 400 familias, senón polo impacto da súa actividade na economía lucense, pois somos unha cidade de servizos, cun tecido empresarial que se nutre da actividade agrogandeira e do rural, e que dá traballo a miles de persoas. Todo o que sexa bo para o sector primario, é bo para Lugo”.
De feito, engadiu Ana Prieto, esta bonificación do 95% da cota íntegra do IBI aos bens inmobles nos cales se desenvolvan actividades agrícolas ou gandeiras, súmase á reducción dun 50%, xa en vigor, do Imposto sobre Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para os solicitantes de licenzas destinadas a explotacións gandeiras, agrícolas e forestais.
Comida no fogar
Este cambio nas ordenanzas súmase aos xa anunciados hai unha semana por Ana Prieto. Por un lado, modificar a norma reguladora das taxas polas prestación do Servizo de Comida no Fogar co fin de “eximir do copagamento nos casos en que o motivo que orixina esta prestación sexa unha problemática de exclusión social, desestruturación familiar ou pobreza infantil, circunstancia que deberá ser debidamente xustificada no correspondente informe social”. Prieto enmarcou esta proposta “no compromiso do Goberno coas políticas sociais para que ninguén se quede atrás”; de feito o Concello de Lugo “é o primeiro concello de Galicia en investimento social e o cuarto de toda España”. Os prezos van de 1 a 4,7€ por comida.
Por outra banda, a modificación da ordenanza 203, reguladora do Imposto de Bens Inmobles, co fin de eximir deste imposto á Administración autonómica durante seis anos, a razón de 600.000 euros/ano, en cinco centros sanitarios: a residencia das Gándaras, o HULA e os centros de Curros Enríquez, Fontelo e Fontiñas, co fin de afrontar o financiamento do novo auditorio.
Outra das propostas do Executivo local que expuxo a Concelleira de Economía é referida á ordenanza 405, que regula o prezo público pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música, consistente na implantación da matrícula gratis nas materias do Bloque D para o alumnado que xa superara os 6 anos de permanencia no centro na súa materia instrumental, e tamén para os que xa estean matriculados en unha ou máis materias de calquera do resto dos bloques.
Audio
- IBI explotacións agrogandeiras - Ana Prieto | Descargar mp3