A consultora medioambiental fará unha nova inspección o xoves para garantir que non hai novos exemplares e comezar os balizamentos das zonas acoutadas a bañistas.
O Concello de Lugo agardará aos resultados desa prospección para iniciar os traballos de instalación da pasarela de acceso al río.
A alcaldesa, Paula Alvarellos, e o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, supervisaron a traslocación dun total de 136 exemplares de dúas especies.

O Goberno local concluíu hoxe o traslado dun total de 136 exemplares de mexillóns, polo que agarda comezar o xoves ou o venres cas tarefas de colocación de rampla que dará acceso ao río, unha vez rematada a nova revisión e comprobado que non hai máis moluscos que trasladar. Así o explicaron a propia alcaldesa, Paula Alvarellos e o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, quen estiveron na zona onde hoxe a consultora medioambiental que contratou o Concello de Lugo levou a cabo a traslocación de mexillóns. A alcaldesa sinalou que “unha vez concluído o traslado de náiades, agardaremos á revisión do xoves e ás súas conclusións, para comezar a traballar de xeito inmediato na instalación da rampla de acceso ao Miño”.
Durante a mañá, tamén estivo presente un axente medioambiental do Goberno autonómico, para determinar a zona de traslado destes exemplares e autorizar a traslocación dos mesmos. Unha vez definido o novo hábitat destes moluscos, uns 30 metros augas arriba nun lugar con alta capacidade de acollida, os buzos comezaron a sacar os mexillóns, para contabilizalos e medilos e despois depositalos na zona elixida. Previamente, os responsables da empresa encargada do traslado valoraron co axente medioambiental a zona máis favorable e con maiores garantías para a supervivencia destes exemplares protexidos, nun lugar no que tamén se poderá facer un seguimento en datas próximas.
A traslocación desta mañá deu como resultado a extracción dun total de 136 exemplares, dos cales 124 son da especie Potomida littoralis e 12, de Unio delphinus.
Este xoves, unha vez transcorridas 48 horas desde o traslado dos mexillóns, un equipo de buzos realizará unha nova prospección para comprobar a zona de extracción e garantir que non haxa ningún exemplar no lugar afectado pola instalación da pasarela, dando así cumprimento ao requirido na autorización da Xunta.
Ademais de acordar co axente medioambiental do Goberno galego a zona de traslocación, fíxose o mesmo coa zona que será obxecto de balizamento para evitar a introducción de bañistas nos sectores de elevada densidade de exemplares protexidos, evitando así que se pisen ou que as e os bañistas sufran algún tipo de lesión. En calquera caso, o acoutamento destes espazos, coa sinalización correspondente, non se poderá acometer ata despois da prospección de comprobación que terá lugar o xoves.



