O Goberno do Concello e o da Deputación apoian un ano máis o Campus Álex Llorca, que fixo unha parada no Vello Cárcere

Ana Abelleira e Pablo Rivera recibiron aos 90 nenos e nenas que participan nesta cita, que se celebra ao longo desta semana na cidade

Ana Abelleira destacou o éxito, por terceiro ano consecutivo, do campus e agradeceu a Llorca que continúe mantendo lazos coa cidade

Rivera Capón subliñou “a importancia destas iniciativas para que os rapaces non só desfruten do deporte, senón que aprendan os seus valores á vez que socializan”

Xoves, 12 de xullo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno do Concello e o da Deputación apoian un ano máis o Campus Álex Llorca, que fixo unha parada no Vello Cárcere

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera, recibiron este xoves, no auditorio do Centro Cultural O Vello Cárcere, ás e aos participantes no III Campus de Verán Alex Llorca, acompañados polo propio xogador e o corpo técnico. Trátase de 90 rapaces de toda España entre os 8 e os 17 anos que dende o luns están a desfrutar dun amplo programa de actividades relacionadas co mundo do baloncesto. Entre elas, priman os adestramentos que teñen lugar no Pazo dos Deportes e pavillóns anexos.

No acto, Ana Abelleira, felicitou ás persoas organizadoras do campus “por apostar polo deporte con esta iniciativa, ao tempo que se potencia a convivencia”. Puxo tamén en valor este encontro “co que o Concello colabora dende os seus inicios, dado que fomenta o deporte base e valores como o traballo en equipo e compañeirismo”. Así mesmo, tamén tivo palabras de agradecemento para Álex Llorca, que ano tras ano continúa mantendo lazos coa cidade, o que o converte tamén en embaixador de Lugo; e para todos os nenos e nenas participantes, aos que convidou a aproveitar ao máximo esta cita de verán, que con só tres edicións xa está marcada no calendario de actividades das familias. 

Pola súa banda, Pablo Rivera destacou “o importante papel que este tipo de iniciativas teñen para que os rapaces que participan neste campus, non só practiquen unha actividade deportiva, senón que tamén aprendan os valores que fomenta o deporte, á vez que desfrutan dun verán distinto no que poden socializar con outros rapaces da súa mesma idade. Por este motivo, dende o Executivo Provincial, seguindo a nosa liña de fomento do deporte base e do baloncesto, apoiamos decididamente este campus para que siga a celebrarse na nosa provincia”. 

O campus, que comezou este luns, finalizará o domingo e durante toda a semana os rapaces, ademais dos propios adestramentos, desfrutarán de actividades complementarias diversas como: visitas de figuras importantes do baloncesto nacional, visitas pola cidade ou actividades na piscina municipal. Todas elas, realizadas en compañía de Alex Llorca, actual xogador do Montakit Fuenlabrada, e do director técnico Mateo Rubio.

O Campus Álex Llorca

Trátase da 3ª edición do campus Alex Llorca que o propio xogador pon en marcha e que conta co apoio de Deputación e Concello de Lugo. Despois de 2 edicións exitosas, este ano a organización decidiu limitar o número de prazas para que primase a calidade dos adestramentos fronte a cantidade de participantes ou os criterios económicos.

Noticias relacionadas