O Goberno do Concello e da Deputación súmanse un ano máis á campaña En negro contra a violencia, da que forman parte 75 concellos galegos, 14 de Lugo

A Alcaldesa e a Deputada de Promoción Económica e Social asinaron este mércores o protocolo para levar a cabo dita campaña de sensibilización sobre a lacra social da violencia machista usando a cor negra

Lara Méndez amosou a súa "ledicia" porque "cada ano somos máis demandando unha sociedade igualitaria" e reivindicou o feminismo como "unha ferramenta que se creou para loitar contra a desigualdade e o machismo"

Sonsoles López destacou a implicación de toda a provincia e remarcou que "para empezar debemos acadar unha comprensión do problema que debe pasar por deixar de responsabilizar á muller, á vítima, e enfocarse dunha vez no agresor"

Mércores, 15 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno do Concello e da Deputación súmanse un ano máis á campaña En negro contra a violencia, da que forman parte 75 concellos galegos, 14 de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, asinaron este mércores, no Pazo de Raxoi, o protocolo da campaña En Negro Contra a Violencia, á que se sumou un ano máis a entidade local e a provincial luguesa, xunto con outros concellos, un total de 75, 14 deles da provincia luguesa, e a Deputación de Coruña e Pontevedra, para sensibilizar á cidadanía contra a violencia machista, a través da coordinación entre institucións diversas de diferentes cores políticas.

Durante o acto, que comezou cunha foto de familiar na praza do Obradoiro, a Alcaldesa amosou a súa "ledicia" porque "cada ano somos máis demandando unha sociedade igualitaria", e reivindicou o feminismo como "unha ferramenta que se creou para loitar contra a desigualdade e o machismo".  "Son muller e son feminista", continuou, ao tempo que facía fincapé na máxima expresidicón da desigualdade, a violencia, en todas as súas expresións, dente o control, a posesión ou o maltrato.

Méndez tomou man das cifras, 830 mulleres asasinadas en 13 anos, 1 de cada 4 mozos que aceptan con normalidade, para explicar "en que algo estamos fallando como sociedade", ao tempo que pediu máis orzamento para a materia e aplicar a lexislación.

Na súa intervención, a Alcalcesa chamou á prevención desta lacra social a través da educación, da que é bo exemplo esta campaña, para paliar a violencia machista e conseguir unha sociedade igualitaria. Para rematar, quixo agradecer a toda a sociedade lucense a súa gran implicación, con máis de 300 entidades, clubs deportivos, entidades sociais, entre outros, adheridas á campaña.

Pola súa banda, Sonsoles López subliñou “que é un orgullo e unha responsabilidade poder liderar esta campaña na provincia de Lugo, á que están adheridos, na actualidade, 14 Concellos lucenses, aos que quero agradecer o seu forte e decidido compromiso na loita contra a violencia machista así como a tódolos establecementos hostaleiros e comerciais, asociacións, entidades colectivas e persoas individuais que colaboran e participarán da campaña. A violencia de xénero constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres que demostra a desigualdade existente entre xéneros. É un problema que traspasa fronteiras e contra o que temos que loitar todos xuntos e que debe ser unha prioridade para todas as administracións, que ademais, ten que ir acompañada de medios económicos e dunha lexislación forte, que protexa os dereitos e liberdades de todas as mulleres”.

Neste senso a Deputada de Benestar e Igualdade remarcou que “para empezar debemos acadar unha comprensión do problema que debe pasar por deixar de responsabilizar á muller, á vítima, e enfocarse dunha vez no agresor. Por desgraza, as políticas que se están a levar a cabo demostran que son insuficientes cando non, nocivas. A cosificación da muller, o paternalismo, pretender colocar á muller por riba dos demais tan só coma unha homenaxe oportunista, alónxanos da realidade do problema e do obxectivo de igualdade que perseguimos”.

 Actualmente están adheridos á campaña En negro conta as violencias 14 Concellos da provincia: Alfoz, Becerreá, Burela, Castroverde, Meira, Láncara, Lourenzá, Lugo, O Corgo, Rábade, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro. O Goberno da Deputación achegará aos municipios o material necesario para a realización da campaña: pancartas, camisetas, pulseiras e chapas. 

A Concelleira de Igualdade do Concello de  Santiago, Marta Lois, agradeceu a asistencia e destacou "a "a gran potencia do municipalismo galego e os froitos que nos dan a colaboración e o traballo en rede entre todos e todas. Mais tamén abre un momento de reivindicar un pacto social e político real contra as violencias machistas".

Suma de forzas e reivindicación de normas e políticas sociais

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, definiu a campaña como a "imaxe dese combate e denuncia contra unha situación que non pode continuar máis. É por iso temos que sumar forzas".

O rexedor de Manzaneda, Félix Domínguez, apostou polo local asegurando que "dende os concellos temos que loitar contra todas as formas de desigualdade".

Para a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso, son importantes campañas deste tipo para "facerlle ver a homes, mais tamén ás mulleres que nos rodean, que non somos propiedade de ninguén".

A alcaldesa de Sarria, Pilar López, asegurou que, para ela, era unha "gran satisfacción ver que nenos e nenas de todos os deportes en Sarria acudiron en masa a transmitir que a solución a tan grave problema social está na nosa man".

A rexedora de Tomiño, Sandra González, quixo lembrar "as bágoas dunha muller que acudiu á Alcaldía. Esa historia rematou ben, pero das que non o fan están cheos os xornais", dixo, poñendo o foco en que "a violencia non se chega da noite para a mañá".

Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas, asegurou que o feito de que haxa 75 concellos e 3 deputacións "chama a atención porque amosa que as administracións máis próximas á cidadanía estamos preocupadas por esta lacra social".

Finalmente, Martiño Noriega quixo agradecer o "esforzo feito por todas e todas ao abandonar as obrigas diarias e participar deste acto". Noriega lembrou que "a campaña naceu no 2015 como unha maneira de tecer redes e desbordou as expectativas porque a propia xente a fixo súa".

Sensibilización cidadá 

Os obxectivos da campaña pasan por fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos de diferentes cores políticas, ademais de implicar ao tecido asociativo, económico, cultural, educativo e social como forma de resposta colectiva ante as violencias.

O uso de materiais específicos da campaña por parte da cidadanía, establecementos comerciais e axentes sociais axudará a identificar, transmitir e incidir nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.

Audios

  • Lara Méndez, sobre á campaña En negro contra a violencia | Descargar mp3
  • Sonsoles López, sobre á campaña En negro contra a violencia | Descargar mp3

Multimedia

  • O Goberno do Concello e da Deputación súmanse un ano máis á campaña En negro contra a violencia, da que forman parte 75 concellos galegos, 14 de Lugo
  • O Goberno do Concello e da Deputación súmanse un ano máis á campaña En negro contra a violencia, da que forman parte 75 concellos galegos, 14 de Lugo

Noticias relacionadas