O goberno de Lara Méndez visibilizará ás mulleres científicas como referentes para a mocidade con accións a pé de rúa

Mércores, 08 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez visibilizará ás mulleres científicas como referentes para a mocidade con accións a pé de rúa

O Goberno de Lara Méndez conmemorará, por segundo ano consecutivo, o día Internacional da Muller e a Nena na ciencia. Farao, a través da Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, levando a cabo unha actividade a pé de rúa dirixida a cativos e cativas lucenses. “O obxectivo é visibilizar o papel feminino na ciencia como referente para que outras nenas sigan os seus pasos nun ámbito moi masculinizado”, sostén a edil.

A iniciativa consiste na elaboración dun Memory – xigante – de cartas con apartacións de 10 mulleres científicas. O xogo consiste en facer parellas, casando a imaxe de cada científica nunha carta co seu logro na outra. As cartas póñense boca abaixo e, en cada quenda, cada xogador/a dá volta a dúas cartas. Se son parella gaña, e se non colócanse no seu sitio. 

O xogo levarase a cabo en diferentes parques infantís e nas súas inmediacións das 16.30 ás 18.30 horas do 11 ao 17 de febreiro.

As actividades estarán centradas en educar en igualdade desde idades temperás, xa que “os nenos e nenas están libres de prexuízos, polo que implementar ensinanza igualitaria repercutirá no seu desenvolvemento dende unha perspectiva de xénero” apunta Alonso.

A acción faise co obxectivo de aportar referentes femininos no eido científico e axudar a espertar as vocacións das cativas no ámbito das STEM, contribuíndo así a eliminar os prexuízos na elección profesional de rapaces e rapazas e máis a visibilizar mulleres científicas esquecidas e/ou eliminadas na tradición académica.

A concellería busca amosar con estas actividades o compromiso municipal con calquera causa que contribúa a eliminar as desigualdades entre mulleres e homes en calquera ámbito da sociedade. Con elas, tamén se quere fortalecer a imaxe da marca luguesa Mulleres con Forza e dar máis presencia ao labor da Concellería a pé de rúa.

Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia - Memory :

  • Parque infantil da Praza de Augas Férreas: 10 de febreiro
  • Parque infantil da Praza Agro do Rolo: 11 de febreiro
  • Parque infantil da Praza de Bretaña: 13 de febreiro
  • Parque de Rosalía de Castro: 14 de febreiro
  • Parque infantil de Campo Castelo-Praza Maior: 15 de febreiro
  • Parque infantil da Praza do Castiñeiro: 16 de febreiro
  • Parque infantil de Paradai: 17 de febreiro

A programación que se detalla a continuación enmárcase nos eixes 3, 4, 5, 6 e 9 do IV Plan de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Lugo 2021-2024 e concretamente nas  medidas 34, 35, 36, 43, 44, 60 e 62.

Audio

  • A concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, sobre o día Internacional da Muller e a Nena na ciencia | Descargar mp3

Noticias relacionadas