O Goberno de Lara Méndez traballa coa Fundación Princesa de Girona e cos diferentes colectivos da cidade o Tour do Talento 2023

O Concello de Lugo acollerá, do 2 ao 7 de maio, a cuarta parada desta xira que busca impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do país.

A edil de Desenvolvemento Local, acompañada de técnicos municipais, mantivo unha reunión con membros da Fundación para sentar as bases do evento.

Tamén se convidou a participar neste encontro a asociacións e entidades da cidade interesadas en achegar propostas e ideas para a elaboración do programa.

O xurado do Fundación deliberará en Lugo a concesión do Premio de Investigación Científica.

Venres, 09 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez traballa coa Fundación Princesa de Girona e cos diferentes colectivos da cidade o Tour do Talento 2023

Lugo será unha das cinco cidades anfitrioas seleccionadas para a celebración da segunda edición do Tour do Talento, unha iniciativa promovida pola Fundación Princesa de Girona (FPdGi) para impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do país. En concreto, a capital luguesa acollerá entre o 2 e o 7 de maio unha das paradas desta xira, durante a cal se anunciará, así mesmo, o gañador do Premio de Investigación Científica que outorga esta Fundación.

Neste senso, a tenenta de alcaldesa e concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, acompañada de técnicos municipais, mantivo unha reunión de traballo cunha delegación da FPdGi, liderada por Jordi Estruga, director do Tour do Talento; e Íngrid Aznar, directora dos Premios da Fundación, para avanzar na preparación da nova edición 2023.

Este primeiro encontro incluíu unha sesión participativa á que foron convidadas asociacións e entidades da cidade para presentarlles a iniciativa e ofrecerlles a posibilidade de achegar as súas propostas e ideas, de cara á elaboración dunha axenda de contidos específica, con propostas rompedoras para todo tipo de mozos e mozas, que conformarán o programa oficial da parada.

Así, o Tour do Talento propón unha axenda de eventos e talleres sobre temas de máxima actualidade centrados na mellora da empregabilidade e o desenvolvemento profesional, competencial e persoal dos mozos, en formatos disruptivos e innovadores, e fomentando a participación e o networking.

O programa contará, ademais, con propostas formativas achegadas polas empresas que compoñen o Padroado da Fundación e actividades con aliados estratéxicos de primeiro nivel, como TRIVU -que actúa como partner estratéxico- ou organizacións tales como Code.org, Unesco, Fundación Bertelsmann coa Alianza para a FP Dual, FAD ou a ONCE, entre outras.

En 2022, o Tour congregou -entre febreiro e maio- a máis de 6.500 participantes nas actividades levadas a cabo en Málaga, Guadalaxara, Logroño, Palma e Girona, centradas en temas de interese como a orientación laboral, o desenvolvemento de novas competencias, o protagonismo da tecnoloxía, a dixitalización nos traballos do futuro ou a promoción das competencias transversais e as capacidades STEAM entre as novas xeracións. Foron preto de 200 horas de contido, da man de 250 relatores -de 60 empresas- que participaron en máis de 180 actividades.

Edición de 2023

A edición de 2023 levarase a cabo en Zaragoza, entre o 20 e o 26 de febreiro; Valladolid, entre o 13 e o 19 de marzo; Córdoba, entre o 17 e o 23 de abril; Lugo, entre o 2 e o 7 de maio e Girona entre o 5 e o 11 de xuño. Estas localidades foron elixidas como «Cidades do Talento 2023» nas que se organizarán actividades de todo tipo e formato co obxectivo de conectar, activar e potenciar aquilo que fai única a cada persoa: o seu talento.

Cada parada do Tour, ademais, acollerá a reunión dun xurado de expertos e a posterior proclamación dos gañadores dos Premios da Fundación na edición 2023. A categoría Artes e Letras anunciarase en Córdoba; a de Empresa, en Valladolid. O Premio Social proclamarase en Zaragoza, o de Investigación Científica en Lugo e, finalmente, a categoría Internacional, en Girona.

Multimedia

  • O Goberno de Lara Méndez traballa coa Fundación Princesa de Girona e cos diferentes colectivos da cidade o Tour do Talento 2023

Noticias relacionadas