O Goberno abre unha nova convocatoria de concesión de axudas para material escolar, incrementándose a contía individual aos 100 euros

A Xunta de Goberno deu luz verde ás bases para estas bolsas, dirixidas ao alumnado de  educación infantil de 3 a 6 anos matriculado en centros públicos. As persoas interesadas teñen un prazo de 20 días naturais, dende a publicación no BOP, para presentar instancias no Rexistro Xeral do Concello

Na sesión deste mércores adxudicouse o contrato de vixilancia dos centros de convivencia municipais a Alcor, sen prexuízo de que, no caso de incumprir as súas condicións, o Concello adopte as medidas que sexan oportunas, incluso a resolución, como xa fixo cos referidos ao Fogar do Transeúnte e o CEI Nodus

Mércores, 09 de agosto de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo abre un ano máis a convocatoria para a concesión de axudas para a adquisición de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infatil, coa finalidade de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os cativos e cativas do municipio. Así o deu a coñecer o Voceiro Municipal, Miguel Fernández, tras a sesión deste mércores da Xunta de Goberno onde se deu luz verde ás bases para este procedemento de acordo ao compromiso do Goberno con todas e cada unha das necesidades das familias de Lugo.

“Dende o Concello, a pesar de non ter competencias en materia de educación, entendemos que con estas axudas, para as que destinamos 36.500 euros, facilitamos o acceso á educación a toda pobación en igualdade de condicións, ao tempo que contribuimos a superar as desigualdades e impulsamos unha mellor educación”, asegurou Fernández.
As bolsas escolares están dirixidas ao alumnado de educación infantil, de 3 a 6 anos, matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Nesta convocatoria a contía individual ascende dos 80 euros a un importe de 100 euros, dándose cumprimento ademais a un acordo plenario. Para acceder a ditas axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno ou alumna estea censado en Lugo.

A convocatoria sairá publicada na Plataforma Base de Datos Nacional de Subvencións e no Boletín Oficial da Provincia. O formulario estará a disposición das persoas interesadas na área de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, así como no propio BOP. As solicitudes presentaranse no Rexistro Municipal nun prazo de 20 días naturais dende a súa publicación no boletín.

Servizo de vixilancia

Tal e como avanzou o Voceiro, na sesión deste mércores aprobouse adxudicar o procedemento convocado para a contratación do servizo de vixilancia  nos 7 centros de convivencia municipais á empresa Alcor SL, pois, segundo a resolución da Mesa de Contratación, á vista dos criterios de adxudicación establecidos no prego de cláusulas administrativas, presentou a oferta economicamente máis vantaxosa. Esta oferta consiste nun prezo anual de 21.538 euros para cada un dos 7 centros, e un total de 200 horas anuais, tamén para cada un dos 7 centros, sen custe para o servizo de vixilancia nas instalacións e actividades programadas e desenvolvidas pola área de Benestar Social, Igualdade e Inclusión.

Fernández lembrou que, segundo establece a Lei de Contratos do Sector Público, a oferta económica prima sempre sobre outros criterios, pesando, de feito, como mínimo un 50,09% no conxunto da baremación. Así mesmo lembrou que o Concello, previo ditame do Consello Consultivo de Galicia, decidiu resolver o pasado mes de marzo os contratos que esta empresa, Alcor SL, tiña para ofrecer o servizo de seguridade privada no Fogar do Transeúnte e no CEI Nodus, por incumprir a súa oferta de mellora salarial.

Coñecendo estes antecedentes, tal e como dera a coñecer a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, neste novo proceso de contratación referido á vixilancia dos centros de convivencia, o Concello requirira a Alcor unha aclaración da oferta de mellora laboral presentada –de 300 euros sobre o convenio estatal de empresas de seguridade-. A empresa non contestou ao requirimento, que lle foi trasladado vía correo electrónico e coa publicación da notificación no Boletín Oficial do Estado.

Ante esta falta de resposta, convocouse de novo a Mesa de Contratación co fin de valorar si se mantiña como adxudicatario do contrato a Alcor ante a posible inconsistencia da oferta presentada, e o conseguinte risco de que non se cumpriran as condicións do contrato. Sen embargo, nesa Mesa de Contratación, a firma presentou un poder notarial no que manifesta que si vai cumprir expresamente coa oferta presentada de 300 euros de mellora salarial sobre o convenio estatal de empresas de seguridade. Deste xeito, os membros da Mesa de Contratación entenden que queda aclarada a oferta e confirman a proposta de adxudicación a Alcor. E este acordo da Mesa de Contratación é o que se aprobou hoxe na Xunta de Goberno. "Facer calquera outra cousa, sería ilegal, pois Alcor ten a oferta economicamente máis vantaxosa, o que, como lles dicía, prima sobre calquera outro criterio na Lei de Contratos do Sector Público", recalcou Fernández.

"A obriga do Concello é cumprir coa legalidade, pero tamén estamos obrigados a salvagardar os intereses e dereitos dos traballadores, da propia Administración e dos veciños e veciñas", manifestou Fernández, quen tamén avanzou que a Xunta de Goberno deste mércores acordou incoar un expediente de declaración de prohibición para contratar á empresa Alcor, a raíz da resolución definitiva dos contratos de seguridade no Fogar do Transeúnte e no CEI Nodus.

A resolución firme de calquera contrato, sendo declarada culpable a empresa, é un motivo legal que impide contratar coas administracións públicas, tal e como recolle o artigo 60.2, apartado d), da Lei de Contratos do Sector Público. Deste xeito, o Goberno abre agora o expediente, porque non podía facelo antes, xa que era preciso contar cunha circunstancia motivadora–a resolución definitiva dun contrato-, un proceso que non é curto nin sinxelo.

Para rematar, o edil tamén aclarou que a adxudicación do contrato de vixilancia dos centros de convivencia municipais a Alcor se aprobou prexuízo de que, no caso de incumprir as súas condicións, o Concello adopte as medidas que sexan oportunas, incluso a resolución, como xa fixo cos referidos ao Fogar do Transeúnte e o CEI Nodus.

Audio

Noticias relacionadas