O rexedor interesouse polas propostas da catedrática de Dereito Administrativo para mellorar o acceso á vivenda dos estudiantes e a internacionalización do Campus Terra.
No encontro tamén falouse do futuro da Escola de Enfermería, que o alcalde ve como “unha referencia para o sistema formativo e sanitario lucense que é necesario manter”.
Ademais, Miguel Fernández puxo o foco na importancia de que nun futuro o Campus de Lugo gañe en independencia co respecto ao de Santiago.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, recibiu esta mañá á Alba Nogueira, nun encontro co que abriu a rolda de contactos coas candidatas ao Rectorado da USC, para coñecer de primeira man a súa estratexia para o futuro da USC en xeral e do Campus de Lugo, en particular. O rexedor lucense interesouse especialmente polas liñas mestras expostas pola catedrática en Dereito Administrativo para mellorar o acceso á vivenda das e dos estudiantes, entendido este como un dos principais problemas aos que se enfrontan os campus de Santiago e Lugo, así como os seus plans de cara a avanzar na súa internacionalización. Acompañaron a Alba Nogueira dúas das persoas que integran a súa candidatura, Teresa Rodríguez, que se encargará de Sostibilidade e Infraestruturas, e Mercedes Novo, para ocuparse da área de Ciencia, Divulgación e Sociedade.
Miguel Fernández amosou especial interese por outros temas que afectan directamente á institución lucense como é o futuro da Escola de Enfermería, que o rexedor ve como “unha referencia para o sistema formativo e sanitario de Lugo; é preciso manter e tamén garantir a súa continuidade e independencia”, asegurou. Ademais desta cuestión, nesta toma de contacto, falaron doutros aspectos cruciais para o desenvolvemento do Campus Terra como a conectividade e equiparación das universidades de Santiago e Lugo, así como das medidas a adoptar para paliar o déficit de servizos que afectan á institución lucense.
Durante a recepción, o alcalde de Lugo falou da importancia de que o Campus Terra gañe en independencia respecto ao de Santiago, aínda que tamén se falou dunha mellor colaboración entre ambos para o aproveitamento de sinerxías en, por exemplo, o uso de instalacións tanto do Concello de Lugo como do Campus.
O rexedor lucense interesouse pola marcha do proceso electoral para elixir á próxima rectora da USC, así como pola primeira votación que terá lugar o vindeiro 12 de febreiro. Sen embargo, como é lóxico, as cuestións relativas a Lugo e ao seu campus centraron un encontro distendido e con boa sintonía. Neste sentido, Miguel Fernández interesouse pola súa estratexia de cara a unha posible reapertura e maior aproveitamento da sede do Vicerrectorado na praza Pío XII; ou polos seus plans para as residencias universitarias da Xunta no campus lucense, que segundo expuxo Alba Nogueira en varias ocasións están infrautilizadas.
Ao termino da reunión, o alcalde de Lugo sinalou que foi un “encontro moi fructífero e interesante. Agardo manter estas reunións co resto de candidatas a rectoras da USC, non só para coñecer de primeira man as súas propostas, senón para ter a ocasión de trasladarlles o noso apoio como Concello de Lugo para colaborar en todo aquelo que permita ao Campus Terra manter o seu nivel da excelencia e por suposto a seguir avanzando e mellorando”.
Neste sentido, Miguel Fernandez insistiu en que “é innegable que o Campus de Lugo é imprescindible para o desenvolvemento económico, social e de poboación da cidade. Pero ademais, o Campus Terra está a ser protagonista na recuperación e posta en valor dos nosos espazos naturais; na loita contra o cambio climático; e na recuperación de numerosas especies autóctonas da Galicia interior, contribuíndo á conservación de especies e sistemas centenarios que definen a nosa identidade. Neste sentido, unha especialista en Dereito Ambiental como é Alba Nogueira saberá da importancia de manter e impulsar o noso Campus”.




