O Foro de Igualdade pedirá á Fiscalía de Ourense un trato igualitario no caso Baltar

Reproba o contido machista do libro Voluntad, de Martín López Corredoira, cun capítulo titulado La Cosa esa de ser Mujer

Martes, 27 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Foro de Igualdade pedirá á Fiscalía de Ourense un trato igualitario no caso Baltar

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, informou este martes que o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade reunido esta mañá no Salón de Plenos acordou dirixir un escrito á Fiscalía de Ourense para pedir, dentro da presunción de inocencia, un trato igualitario no caso Baltar, pois cre que non están recibindo a mesma consideración e tratamento no proceso xudicial o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e a muller que o demandou por ofrecerlle supostamente un emprego no organismo provincial que entón presidía o seu proxenitor a cambio de que mantivese relacións sexuais con el.

Unha vez arquivada a causa pola xuíza instrutora contra José Luis e José Manuel Baltar, o Fiscal decidiu recorrer este auto solicitando a apertura de xuízo oral contra a demandante argumentando que as gravacións ás que dá credibilidade a xuíza evidencian que “a muller reiterou a petición ilícita en distintos contactos que mantivo con José Luis e José Manuel Baltar utilizando como elemento de presión esa relación sexual inventada ou real, que non podería constituír en si mesma un ilícito penal”. Entende o fiscal que ambos dirixentes políticos se sentiron “presionados” pola muller para “realizar un acto ilegal, se ben non realizaron ningunha acción tendente á consecución do desexo da investigada”. Este argumento da Fiscalía foi tachado de machista pola coordinadora ourensana da Marcha Mundial das Mulleres.

Por outra banda, o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade acordou reprobar o contido machista do libro Voluntad, de Martín Lopez Corredoira, profesor da Universidade de La Laguna, unha publicación que conta cun capítulo titulado La Cosa esa de ser Mujer. Acordaron enviar escritos de denuncia á Secretaría de Estado de Igualdade, ao Observatorio da Violencia de Xénero, á editorial que publicou o libro –Áltera-, e ás universidades de Santiago e La Laguna.

Do Foro forman parte representantes de todas as formacións políticas que compoñen a Corporación Municipal, así como representantes sindicais, e asociacións veciñais, empresariais e do ámbito da igualdade.

Noticias relacionadas