O Executivo de Paula Alvarellos renova o seu compromiso co benestar animal con achegas de máis de 325.000 euros

O investimento inclúe os convenios anuais coa Sociedade Protectora de Animais, Michos de Lugo e o Hospital Universitario Rof Codina, que reforzarán o coidado e a asistencia sanitaria dos animais.

A área de Transición Ecolóxica destinou máis de 1,3 millóns de euros á protección animal desde 2019.

"Con esta inversión, non só garantimos a salubridade das colonias felinas e o traballo das asociacións, senón que tamén aseguramos a asistencia veterinaria necesaria para os animais máis vulnerables", destacou Mauricio Repetto.

Mércores, 04 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos renova o seu compromiso co benestar animal con achegas de máis de 325.000 euros

O Executivo de Paula Alvarellos reafirma o seu compromiso co benestar animal cunha achega para o ano 2025 de 325.000 euros, dirixida a apoiar o traballo de entidades fundamentais na protección dos animais e no control das colonias felinas. Este esforzo, liderado pola área de Transición Ecolóxica, busca garantir o coidado ético, fomentar a convivencia responsable e consolidar a xestión sostible do benestar animal en Lugo.

O Goberno Local renova os convenios anuais coa Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo, que recibirá 200.000 euros e coa Asociación Protectora de Gatos da Rúa "Michos de Lugo", á que se destinarán 15.000 euros. Ademais, o Concello de Lugo colaborará co Hospital Universitario Rof Codina cunha achega de 110.000 euros que permitirá garantir a asistencia sanitaria dos animais das colonias felinas e dos que se atopan baixo o coidado destas asociacións.

"Con esta inversión, non só garantimos a salubridade das colonias felinas e o traballo das asociacións, senón que tamén aseguramos a asistencia veterinaria necesaria para os animais máis vulnerables", subliñou Mauricio Repetto, edil en funcións de Transición Ecolóxica, que ademais destacou que "o Concello de Lugo é un exemplo polo seu esforzo e compromiso nesta materia."

Desde 2019, o Concello destinou máis de 1,3 millóns de euros á protección animal, un apoio económico que contrasta coa achega realizada polo Goberno autonómico. No caso da Sociedade Protectora, máis do 75% dos seus fondos públicos proveñen do Concello de Lugo, mentres que Michos de Lugo tamén recibe maioritariamente o seu financiamento do convenio municipal.

Entre as iniciativas destacadas, figura o Programa CER, que desde o seu inicio en 2019 permitiu a xestión de 58 colonias felinas. Ademais, realizáronse máis de 235 intervencións veterinarias adicionais e identificáronse con microchip os exemplares capturados. A data de hoxe, estanse a incorporar 8 novas colonias, que suman máis de 120 gatos ao programa de control.

O apoio do Concello tamén inclúe melloras nas condicións das colonias, coa instalación de refuxios, comedeiros e bebedeiros en zonas habilitadas, co obxectivo de facilitar a convivencia co entorno urbano e rural. Este traballo realízase en colaboración coa Asociación Michos de Lugo, que conta cun equipo de 50 persoas voluntarias e lidera as accións de control e seguimento das colonias. "Recoñecemos o esforzo incansable das asociacións que, co seu traballo diario, fan posible unha convivencia equilibrada e respectuosa cos animais en Lugo", concluíu Repetto.

O Goberno local seguirá traballando para consolidar Lugo como un referente no benestar animal, explorando novas iniciativas e reforzando as colaboracións coas entidades protectoras. Este compromiso ético e sostible non só contribúe á protección dos animais, senón que tamén promove unha convivencia máis harmoniosa e respectuosa entre cidadanía e contorna.

Audio

  • O edil Mauricio Repetto, sobre o benestar animal  | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos renova o seu compromiso co benestar animal con achegas de máis de 325.000 euros

Noticias relacionadas