O Executivo de Lara Méndez prepara un Plan Dinámico de Intervención para abordar a mellora e conservación das instalacións deportivas

Logo de realizar un estudo sobre o estado actual das diferentes dotacións, a Concellería de Deportes levará a cabo un programa de actuacións que se revisará e actualizará cada semestre.

Entre os primeiros traballos a realizar figuran diversas reparacións, de carácter ordinario, no Pavillón Municipal, no Pombal e no Daniel Cordido.

Na actualidade, a capital dispón de máis de medio cento de recintos para a práctica deportiva e o adestramento que o Concello cede gratuitamente ao tecido cidadá.

Venres, 20 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez prepara un Plan Dinámico de Intervención para abordar a mellora e conservación das instalacións deportivas

O Executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Deportes que dirixe Jorge Bustos, vén de preparar un Plan Dinámico de Intervención para abordar a mellora e conservación das diferentes instalacións da súa titularidade.

En total, a capital conta actualmente con máis de medio cento de recintos municipais destinados á práctica deportiva e ao adestramento que o Concello cede gratuitamente ao tecido cidadá e sobre os que exerce unha supervisión continuada para garantir o seu bo estado.

“Primeiramente levamos a cabo unha inspección visual, da man dos clubs, asociacións e do persoal a cargo destas dotacións que aproveitaron para trasladarnos as necesidades que cómpre atender de maneira máis inmediata en cada un destes espazos. E esta foi a base que nos serviu para elaborar un completo plan de investimento, recuperación e mantemento que incidirá en cada un dos aspectos que nos foron sinalados. Un documento vivo e dinámico, que experimentará unha revisión semestral e que permitirá a incorporación permanente de demandas co obxectivo de poder atendelas dun xeito progresivo”, explicou Jorge Bustos.

O titular de Xuventude e Deportes sinalou igualmente que, algunhas das actuacións que se levarán a cabo proximamente serán diversas reparacións no Pavillón Municipal, “onde é preciso atallar a aparición de filtracións e iniciar a reposición das gradas, pero tamén no Pombal onde se substituirán as billas e se arranxará a estancia que ocupan os celadores, entre outras intervencións”.

Igualmente, o conxunto de piscinas de Frigsa e a das Pedreiras, nas que se realizarán diferentes arranxos de tipo ordinario, así como o Estadio de Atletismo Gregorio Pérez Rivera ou o Polideportivo Daniel Cordido, a Polvoreira e mesmo a praza de San Xoan son outros dos recintos nos que a concellería de Deportes prevé incidir nos vindeiros meses para solucionar pequenas eivas cuxo arranxo repercutirá directamente na calidade do servizo que se presta.

“O feito de ter elaborado o documento nos permitirá agora desenvolver unha planificación para que todas estas dependencias sigan tendo coidados axeitados que dean resposta á elevada demanda e o uso que realiza das mesmas a veciñanza”, referiu o edil ao tempo que apuntou que os traballos se acometerán tratando de interferir o mínimo posible na actividade que cada un das instalacións ten programada.

Audio

  • O edil da Concellería de Deportes, Jorge Bustos, sobre o plan de intervención das instalacións deportivas | Descargar mp3

Noticias relacionadas