O executivo de Lara Méndez inicia o proceso de contratación para a xestión da nova pista de motocross de Teixeiro Jorge Prado

A Xunta de Goberno Local aprobará este mércores as bases para a concesión desta nova infraestructura por un período máximo de cinco anos.

“Trátase dunha pista única en Galicia e no noroeste peninsular polas súas características e que poderá acoller competicións mundiais”, subliñou a rexedora.

Ao proceso público poderán presentarse clubs ou entidades deportivas sen ánimo de lucro dadas de alta na Federación Galega ou Española de Motociclismo.

Luns, 07 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez inicia o proceso de contratación para a xestión da nova pista de motocross de Teixeiro Jorge Prado

O executivo de Lara Méndez aprobará na Xunta de Goberno Local deste mércores o procedemento de licitación para a concesión do novo circuíto de motocross, situado nunha parcela municipal na parroquia de Teixeiro. “Iniciamos, así, o proceso de contratación para a xestión desta pista, que levará o nome do laureado piloto lucense Jorge Prado”, indicou a rexedora.

“Coa posta en marcha desta nova instalación, dende o Concello queremos seguir promovendo esta modalidade deportiva, que tantos éxitos nos ten dado nos últimos anos da man de Prado, e que conta cunha gran afección no municipio. Así, Lugo disporá do circuíto de motocross de referencia do noroeste peninsular, unha pista única en Galicia polas súas características e que poderá acoller competicións mundiais”, subliñou Lara Méndez.

A licitación do uso da parcela realizarase mediante un procedemento aberto ao que poderán presentarse clubs ou entidades deportivas sen ánimo de lucro que figuren dadas de alta na Federación Galega ou Española de Motociclismo. A concesión terá unha vixencia de tres anos, prorrogable ata un máximo de cinco, e establecerase un canon mínimo por uso das instalacións de 100 euros anuais.

“O club ou entidade beneficiaria da concesión estará obrigado a compatibilizar o uso do circuíto coa celebración de eventos deportivos programados polo Concello nestas instalacións”, explicou a rexedora.

A entidade á quen se lle autorice o uso responsabilizarase, así mesmo, da execución dun programa de mantemento e conservación da instalación, que se estima en 31.400 euros anuais. Deste xeito, deberá facerse cargo de diferentes labores de mantemento, entre as que se atopan: a súa limpeza diaria, tanto das zonas de aparcamento, paddock, zonas de público e demais espazos verdes do recinto; o desbroce e limpeza do entorno; ou o mantemento do circuíto, cos medios mecánicos necesarios, para a recuperación do trazado, logo de cada sesión de adestramentos ou, no seu caso, de celebrarse unha competición.

Segundo apuntou o concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, a adxudicataria deberá presentar unha memoria anual da actividade realizada con detalle do número de usuarios, cuotas ou entradas abonadas pola utilización da pista, así como os gastos asumidos e realizados. “No caso de que os ingresos obtidos superen os custos reais reflectidos en dita memoria, este exceso deberá destinarse a melloras na parcela ou aos fins que se acorde co Concello, para atender os gastos ou custos derivados das actuacións municipais no circuíto”, sostivo.

Así mesmo, a entidade autorizada deberá ter contratado un seguro de cobertura de responsabilidade civil, que cubra os accidentes dos usuarios, do persoal de mantemento e os diferentes operarios que realicen tarefas nas instalacións.

Unha vez publicado o anuncio de licitación no perfil do contratante do Concello, na plataforma estatal de contratación pública, o prazo de presentación da documentación será de 30 días hábiles. Xunto coa solicitude, os interesados deberán presentar unha memoria da actividade programada para a tempada, na que deberán incluír, entre outros aspectos, os seguintes: persoal, medios mecánicos, horario de apertura e peche do circuíto, datas de eventos ou competicións, prezos previstos, e unha planificación das actuacións de mantemento da pista.

Características da nova pista Jorge Prado

O novo circuíto Jorge Prado, executado polo Concello en terreos municipais na parroquia de Teixeiro, conta con 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho, medidas aptas para celebrar campionatos a nivel internacional. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos. Deste xeito, conta cunha ampla variedade de saltos e trazadas para todos os niveis; así mesmo, tamén disporá dalgún salto mais técnico para os pilotos máis experimentados.

A parcela contará tamén cun espazo habilitado para o paddock e reservarase unha zona para realizar cronos de enduro. No deseño da pista tamén participou, achegando o seu coñecemento e ideas, o organizador do Gran Premio de España de motocross que se celebra anualmente na Comunidade de Madrid, Diego Muñoz.

Audio

  • O concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, sobre a licitación do circuito de motocross | Descargar mp3

Multimedia

  • O executivo de Lara Méndez inicia o proceso de contratación para a xestión da nova pista de motocross de Teixeiro Jorge Prado

Noticias relacionadas