O executivo de Lara Méndez impartirá un curso gratuíto de reparación de bicicletas, con alta demanda laboral na cidade

A iniciativa, que inclúe formación en mantemento doutros vehículos de mobilidade urbana sostible, organízase desde este mes de marzo a maio.

O concelleiro Mauricio Repetto destaca que “a bicicleta está a substituír ao segundo coche en moitas familias e estase convertendo nunha aliada para a economía do fogar”.

Está destinado a lucenses de 16 a 39 anos empadroados en Lugo, que poden inscribirse xa a través da web lugomasxti.org.

Venres, 10 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O executivo de Lara Méndez impartirá un curso gratuíto de reparación de bicicletas, con alta demanda laboral na cidade

O goberno de Lara Méndez, a través do Servizo de Prevención de Drogodependencias e outras adiccións, adscrito á concellería de Xuventude que dirixe Mauricio Repetto, organiza, un curso de mantemento e reparación de bicicletas convencionais, eléctricas e outros vehículos de mobilidade urbana, dentro da programación do Lugo +Xti 2023, subvencionada polo Plan Nacional sobre Drogas dirixido a lucenses de 16 a 39 anos, empadroados en Lugo.

“A bicicleta está a substituír ao segundo coche en moitas familias e estase convertendo nunha aliada para a economía do fogar”, sostén o edil, ao tempo que apunta que esta iniciativa municipal contribúe a dar un primeiro paso na demandada profesionalización do sector lembrando que en Lugo existen varios talleres de bicicleta.

A través da creación deste módulo formativo específico “damos unha alternativa laboral á mocidade xa que o sector da mobilidade sostible é unha excelente oportunidade ao ter un percorrido grande como negocio no noso municipio”, aseguraba Repetto.

A formación, totalmente gratuíta, conta con 12 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Impartirase todos os venres de 16:30 a 20:30h, do 17 de marzo ao 27 de maio, e os sábados 15 de abril e 13 e 27 de maio, de 10:00 a 14:00h, na Casa da Xuventude.

As inscricións, que xa están abertas pode realizarse ata o 15 de marzo a través de: https://www.lugomasxti.org/actividades-xti-2023-2/ . Máis información: 982 297 498 de 09:00 a 14:00.

Noticias relacionadas