O Executivo de Lara Méndez aprobará mañá, de forma definitiva, a urbanización que, logo de 30 anos, eliminará a pasarela de San Roque

O impulso dado pola rexedora en 2019 para poder modificar o PEPRI salda unha débeda histórica e resolverá as conexión viarias nunha contorna de alto valor patrimonial.

Lara Méndez: “Recuperamos un espazo para a cidadanía, conciliando a conservación do patrimonio local coa necesaria dinamización económica do municipio”.

A Xunta de Goberno validará este mércores o proxecto, orzamentado en 123.757 euros, que a iniciativa privada deberá executar nun prazo de seis meses.

Martes, 05 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez aprobará mañá, de forma definitiva, a urbanización que, logo de 30 anos, eliminará a pasarela de San Roque

O executivo de Lara Méndez aprobará mañá, definitivamente, a urbanización da Esquina de San Roque.

Un proxecto co que a alcaldesa pretende non só poñer en valor un enclave no que conflúen dous Bens Mundiais, como son o Camiño Primitivo e a Muralla, senón tamén dignificar unha das principais entradas ao recinto histórico da cidade.

O proxecto, autorizado inicialmente en maio, recibirá agora o visto bo definitivo da Xunta de Goberno, logo de recibir o informe favorable da Dirección Xeral de Protección do Patrimionio Cultural e concluír o procedemento burocrático.

“Trátase dunha intervención tremendamente importante, en tanto poderemos avanzar, por fin, no acondicionamento dunha contorna moi especial ao tempo que se resolven, dunha forma axeitada, respectuosa e permanente as comunicacións de tráfico peonil e rodado en toda a zona”, sinalou a alcaldesa en alusión a antigüidade da pasarela metálica que “Notario Vacas instalou como provisional hai máis de 30 anos”.

A rexedora lembrou, igualmente, que “o paso que se dará mañá é posible porque no anterior mandato (xaneiro de 2019), conseguimos impulsar a aprobación en Pleno da modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior, “que precisou á súa vez do permiso do ICOMOS, para poder levala a cabo. Unha cuestión imprescindible para desbloquear a situación na que se atopaba esta unidade dende hai xa catro décadas”, afirmou.

A actuación prevista implicará a erradicación daqueles espazos que, pola súa configuración actual, resultan insalubres ou entrañan situacións de risco para a veciñanza como pode ser a pasarela de acceso aos establecementos comerciais. Isto reverterá, igualmente, noutros aspectos da seguridade cidadá, de forma especial en horario nocturno, porque a reforma pretende minimizar as consecuencias para a poboación por cuestións de xénero, imbricándoa así no espírito da cidade amable e integradora que persegue o goberno de Lara Méndez.

“As solucións aportadas permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho, que actualmente non existe, que conectará co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos. Farase grazas á cesión de terreos por parte da iniciativa privada para mellorar o tránsito peonil”, abondou a rexedora ao tempo que indicou que o tráfico rodado verase tamén mellorado co ensanche da rúa San Roque, ampliándose o ancho dos dous carrís de enlace coa Rolda da Muralla  e incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexistirán o tráfico peonil e o rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usarase granito con formigón desactivado, que é o que está a preferir Patrimonio”.

Este tratamento diferenciado prolongarase ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado sexa máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores terá un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla.

Os muros que se xerarán pola diferencia de cota que vai producir entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestirase de sillería de pedra ou cunha solución semellante para integralo na súa contorna. O muro do lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resolverase cunha baranda.

Lara Méndez sinalou, alén, que a nova urbanización permitirá desenvolver posteriormente neste enclave unha superficie de 607 metros libres para edificacións e espazos para a cidadanía.

O proxecto dispón dun orzamento de 123.757 € e un prazo de execución de 6 meses

Entre outros detalles máis técnicos do proxecto, a proposta de actuación contempla obras de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa, “obras que afectan ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal será a obrigatoria a realización das escavacións arqueolóxicas o que esixe, á súa vez, un proxecto de control permanente sobre as mesmas”, recordou Lara Méndez.

Os traballos completaranse, asemade, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria e, en canto ao deseño do firme, procurarase a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a Rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito, dentro dos futuros plans de mobilidade e circulación que poida deseñar o Concello.

O proxecto, que será executado pola iniciativa privada, ten un orzamento de 123.757 euros e conta cun prazo de execución de 6 meses.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a urbanización da Esquina de San Roque | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Lara Méndez aprobará mañá, de forma definitiva, a urbanización que, logo de 30 anos, eliminará a pasarela de San Roque

Noticias relacionadas