O Concello tramita 24 contratos de obras en dous meses

Mércores, 26 de maio de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local analizou hoxe o estado dos proxectos de obras que executa o Concello con financiamento do Plan E.

Segundo informou trala reunión da Xunta de Goberno a Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, son máis de 8 millóns de euros adicados a obras moi necesarias de abastecemento e saneamento tanto na zona urbana coma na rural e ó parque Rosalía de Castro.

Méndez salientou que “nun tempo récord de dous meses tramitáronse 24 contratos de obras, dos que 16 xa foron adxudicados á empresas de Lugo que dan emprego a veciños de Lugo, moitos deles desempregados”.

Indicou tamén que “todas estas obras comezarán no verán e rematarán o 31 de decembro”. E sinalou que para o Concello “é máis importante ca nunca manter a obra pública porque consideramos que son obras moi necesarias para mellorar a calidade de vida na cidade e tamén porque crean emprego”.

Segundo Méndez, “as obras do Plan E, as do Concello e as do Plan Urban dan emprego este ano e o que vén como mínimo a 300 persoas”, ademais de darlle traballo a profesionais como arquitectos e aparelladores. Neste sentido, a Concelleira de Economía indicou que “consideramos importante non suspender ningunha obra prevista a pesares das dificultades económicas” e engadiu que o Concello “prevé manter os investimentos de máis de 20 millóns previstos nos Orzamentos municipais”.

Méndez aclarou que o obxectivo do Goberno local é “non subir os impostos, que xa levan dous anos conxelados” polo que “estamos estamos estudando a posibilidade de contraer outro crédito ”antes de que remate o ano”, algo que “é posible dende os puntos de vista económico e legal porque estamos moi alonxados do límite legal de endebedamento”.

Concurso para conservar os colexios

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a licitación do mantemento e conservación dos colexios e escolas infantís por un importe máximo de 122.400 euros. A responsable de Economía do Concello explicou que por primeira vez se saca a licitación este servizo para 17 centros educativos “en aras dunha maior eficacia e co obxectivo de lograr un aforro importante”.

28.000 euros máis de recadación da Ora coas mesmas tarifas

Na rolda de prensa que ofreceu trala Xunta de Goberno Local, a Concelleira de Economía pediulle ó Partido Popular que non tente confundir á cidadanía con informacións falsas sobre os parquímetros da ORA.

Sonia Méndez lembrou que o Concello non pagou nada polos novos parquímetros da da ORA, xa que os puxo a empresa concesionaria como establecía o prego de condicións.

Tamén explicou que a renovación dos parquímetros estaba prevista no concurso, e desque explota o servizo a actual concesionaria medrou tanto a recadación como os ingresos que percibe o Concello, sen que se aumentaran as tarifas. “Máquinas novas, mellor servizo, mellora dos parquímetros e máis recadación, 28.000 euros máis no primeiro trimestre deste ano, sen subir tarifas e a pesares disto a este concelleiro do PP estrañamente non lle parece ben” dixo a Concelleira de Economía, en alusión o edil Enrique Rozas.

Multimedia

Noticias relacionadas