O Concello súmase á celebración do Día de Europa con actividades na Praza Maior

A programación consistiu na entrega de premios do concurso de fotografía convocado para fomentar os valores europeos, a lectura dun manifesto, o izado da bandeira europea e actividades infantís

Martes, 09 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello súmase á celebración do Día de Europa con actividades na Praza Maior

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presidiu este martes os actos institucionais organizados polo Concello na Praza Maior en conmemoración do Día de Europa. Este ano celébrase o 60 aniversario dos Tratados de Roma, cos que se creou a Comunidade Económica Europea e que deron orixe á actual UE.

Os actos, aos que tamén asistiron membros da Corporación Municipal, arrincaron coa entrega de premios do concurso de fotografía Cidadáns europeos en Galicia: 60 anos cambiando vidas, para mostrar os valores europeos. As fotografías gañadoras, autoría de Alba Pernas e Carlos Gallego, estaban relacionadas co Panteón de Agripa en Roma, que representa a unión dos pobos, dado que panteón significa templo de todos os deuses, e cos vendedores de castañas asadas, que, segundo o fallo do xurado, nas datas de outono poden verse en calquera cidade europea, e representan aos cidadáns de a pé que traballan e se esforzan día a día.

Posteriormente, a edil puxo voz ao manifesto, que iniciou lembrando “o nacemento dun proxecto que contribuíu a asegurar un período de paz sen precedentes entre os Estados europeos”. “Na nosa cidade temos probas de cómo Europa contribuíu a mellorar Lugo e a nosa calidade de vida, e seguirao facendo cos fondos chegados da Unión Europea”, asegurou a concelleira. Para rematar, Ana Prieto reiterou “o compromiso e a colaboración do Concello para construír unha Europa máis xusta, máis igualitaria, máis libre e con máis dereitos”.

Tras a lectura do manifesto, levouse a cabo o izado da bandeira de Europa na Casa do Concello ao tempo que soaba o himno europeo. Ademais, esta tarde, baixo o lema Benvid@s a Europa, organizáronse diversos xogos e actividades infantís na Praza Maior.

Multimedia

  • O Concello súmase á celebración do Día de Europa con actividades na Praza Maior

Noticias relacionadas