O Concello remitirá a vindeira semana á Confederación a documentación sobre os pantaláns para a zona de baño pública no río Miño

A entidade local traballa xa na elaboración das condicións técnicas que rexerán o concurso de adxudicación do servizo de aluguer, instalación e mantemento da área de baño municipal

Domingo, 12 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello ten previsto remitir a vindeira semana á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil a documentación técnica, planos, características e material dos pantaláns que prevé instalar no río Miño, coa finalidade de establecer unha zona de baño pública para o goce de todos os veciños e veciñas de Lugo.

Esta zona de baño situarase en terreos municipais situados no Parque do río Miño. O lugar definiuse tras un estudio de alternativas da ubicación idónea e a elaboración dunha batimetría, que indicou o lugar coas mellores condicións para a instalación das estruturas modulares.

Ademais, o Concello traballa xa na elaboración das condicións técnicas que rexerán o concurso de adxudicación do servizo de aluguer, instalación e mantemento da área de baño municipal. O contrato comprenderá o aluguer de piscinas flotantes conformadas con estruturas modulares, a instalación e posterior retirada de todos estes elementos, así como a prestación do servizo de socorrismo.

As piscinas flotantes a instalar na zona de baño estarán conformadas por estruturas modulares, para facilitar a súa montaxe e desmontaxe coa mínima afección ao entorno fluvial, ademais de cumprir coas debidas condicións de seguridade.

Os elementos modulares estarán fabricados con material HDPE, altamente resistente á intemperie, coa debida flotabilidade, resistentes a impactos e que requiran o menor mantemento posterior. Estes elementos terán forma preferentemente cúbica, cunhas dimensións que non superen os 60 x 60 x 40 cm., nin os 8 kg. de peso, para facilitar o seu manexo. Priorizarase a facilidade de instalación, así como a versatilidade na modificación da estrutura, así como na loxística.

No relativo á seguridade dos elementos empregados, os ángulos dos cubos e das pezas terán todos os seus cantos redondeados e suaves. A superficie parcial con xuntas reforzadas deberá ser deseñada como antideslizante, co fin de minimizar a posibilidade de accidentes.

Ademais, o conxunto da estrutura incorporará un sistema de autorregulación dos seus compoñentes en relación cos niveis de balanceo das augas. A instalación cumprirá con toda a normativa vixente en materia de industria e seguridade e saúde.

Noticias relacionadas