O Concello pon á disposición dos lucenses un correo electrónico para informar e previr a consumo de drogas

Luns, 09 de xullo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Xuventude, Carmen Basadre, informou esta mañá que o Concello de Lugo habilitou un correo electrónico (prevencionfamilias@concellodelugo.org ), ao que tamén se pode acceder dende o portal web do Concello, para informar sobre como previr as drogodependencias.

Carmen Basadre destacou que “ante o aumento de peticións de información sobre a prevención, decidiuse crear un mail co que calquera persoa pode preguntar e obter resposta de maneira confidencial sobre a prevención no consumo de drogas”.

Agárdase que fagan uso del todas aquelas familias lucenses que queiran recibir información, consello, asesoramento personalizado ou solventar calquera tipo de dúbidas sobre como facer prevención das drogodependencias dos fillos ou fillas ou calquera outro membro da familia. Con este dispositivo preténdese axudar a todas aquelas persoas que, ou ben, non teñen tempo, ou ben, queren resolver as súas dúbidas en completa confidencialidade.

Cursos de Xuventude
Carmen Basadre tamén anunciou que dende hoxe se abre o prazo ata o 27 de xullo para inscribirse en dous novos cursos para mozos e mozas de entre 14 e 35 anos. O primeiro deles é un Curso de Fotografía Nocturna que terá lugar na Casa da Xuventude en horario de 11 a 13 horas os martes e xoves do mes de agosto. O segundo dos cursos é para a Realización de Videoclips, que tamén se celebrará na Casa da Xuventude entre as 11 e as 13 horas dos luns e mércores do próximo mes. O número de persoas por curso será de 10 e terán que realizar as inscricións na Oficina Municipal de Información Xuvenil situada no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.

Neste sentido, tamén informou, de que aquelas persoas interesadas na realización dos cursos de dinámicas de acción grupal, de mediación intercultural e de mediación en drogodependencias, organizados dentro das actividades Verán +Xti, aínda se poden inscribir para a realización dos mesmos.

Excursións
A responsable da área de Xuventude informou que hai prevista unha xornada de actividades deportivas, incluída dentro do Programa Km0 XTREM da Deputación de Lugo, que se celebrará o sábado 28 de xullo. Esta actividade consistirá nunha serie de actividades deportivas na ría de Ribadeo, como o paddle surf ou as bolas acuáticas, e a visita ás praias de As Catedrais e Os Castros. Esta actividade está destinada aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos que irán acompañados por un monitor. As solicitudes de inscrición poden presentarse na Casa da Xuventude ata o próximo venres 20 de xullo.

O Concello de Lugo tamén ofrece excursións gratuítas nos meses de xullo e agosto en grupos de ata 15 persoas e que sairán dende o Uxío Novoneyra. Os participantes poden ser mozos e mozas de entre 14 a 20 anos acompañados de monitores e serán
o 19 de xullo a Marcelle Natureza, á Granxa Garabullos o xoves 26 de xullo, a Avifauna o día 2 de agosto e ao parque de Sotavento o día 9 de agosto. Carmen Basadre salientou que todos os sábados hai diferentes actividades enmarcados no Programa Verán +Xti como iniciación á hípica ou ocio á beira do Miño. Neste sentido tamén deu o dato de que preto de 650 nenos e nenas participan nos meses de xullo e agosto nas ociotecas e nas Aulas Abertas que, como cada ano, se organizan dende a Concellería de Benestar Social, Igualdade e Xuventude.

Máis información: www.lugo.es/prevenciondrogas

Multimedia

Noticias relacionadas