O Concello penaliza á empresa que transforma o parque infantil de Augas Férreas por demoras na execución do contrato

A Xunta de Goberno impúxolle unha sanción superior aos 5.000 euros por atrasar, sistematicamente, as obras que deberían ter finalizado o 20 de xullo.

Na sesión desta semana outorgáronse, ademais, 4 licenzas urbanísticas que conxuntamente se achegan aos 300.000 euros de investimento no municipio.

Mércores, 21 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello penaliza á empresa que transforma o parque infantil de Augas Férreas por demoras na execución do contrato

O Concello de Lugo penalizará á empresa encargada da transformación do parque infantil de Augas Férreas polas continuadas demoras inxustificadas na execución do contrato.

A Xunta de Goberno celebrada hoxe vén de impoñerlle unha sanción de 5.115 euros, a razón de 82’51 € por cada un dos días do período de dous meses que se lle concede agora como prórroga para que finalice os traballos.

O tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández, deu conta esta mañá da medida adoptada, logo de que un informe, elaborado polo departamento de Parques e Xardíns, da área de Medio Ambiente que el dirixe, puxera de manifesto que a obra ía acumulando demoras en todas as fases de construción do recinto.

“Aínda que os labores comezaron a bo ritmo, levando a cabo no primeiro mes as actuacións correspondentes ás tarefas previas como demolicións e cimentacións, etc, a partir do segundo mes da licitación fóronse sucedendo os adiamentos, o que provocou finalmente que sexa imposible cumprir o prazo estipulado, que tiña marcada como data de finalización a xornada de onte, 20 de xullo”, explicou o edil.

Miguel Fernández referiu tamén que, a requirimento da dirección facultativa, a empresa adxudicataria  foi aportando diferentes planificacións da obra ao longo destes meses, actualizando en cada unha delas os cometidos pendentes e acomodando o ritmo dos traballos ao prazo restante para a finalización do parque, “sen que, finalmente, dera cumprimento a ningún por causas alleas á Administración local e que derivan no feito de que a 15 de xullo estiveran pendentes de acometer o 62’73% das tarefas comprometidas”.

Ante esta situación, a Área de Medio Ambiente propuxo unha ampliación do prazo de execución de dous meses, coa conseguinte imposición de penalidades que - tal e como recollía o prego de cláusulas administrativas do contrato - se correponde cunha multa diaria de 82’51 euros durante eses 60 días, alcanzando unha cantidade total de 5.115’62 €, sen prexuízo de que esta poida variar no caso de que o atraso sexa inferior ou aumente”, abondou o tenente de alcaldesa.

Miguel Fernández indicou, asemade, que o Concello abrirá agora un trámite de audiencias de dez días para que a empresa poida presentar alegacións ou aqueles documentos ou xustificantes que estime oportunos. “Queremos poñer de manifesto que, como Institución e como xestores públicos, exerceremos sempre unha supervisión constante de todas aquelas adxudicacións que promovemos como garante da súa boa execución, para certificar que os materiais e o resultado alcanza as calidades esixidas”, advertiu o edil.

Outros asuntos da Orde do Día

Outro dos asuntos máis destacados abordados na sesión desta semana foron a autorización da apertura do procedemento de contratación, impulsado pola área de Benestar, para a colocación e mantemento integral de 57 desfibriladores nos edificios e instalacións municipais, que nunha anterior convocatoria quedara deserto.

Ademais, outorgáronse 4 licenzas urbanísticas para construír sendas vivendas unifamiliares no Veral (97.108 euros) e na rúa San Xosé (64.602 €), así como para instalar un ascensor nun inmoble da rúa Eirín (82.512 €) e modificar o uso dun local de planta baixa para dúas vivendas nun edificio da Rolda do Carme (42.220 €).

Audio

  • O edil Miguel Fernández, sobre a penalización do Parque Augas Férreas | Descargar mp3

Noticias relacionadas