O Concello organiza os VI Encontros das Culturas que terán lugar entre os días 20 e 24 de maio

Luns, 20 de maio de 2013
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Segundo as últimas estatísticas, máis de 5.500 veciños de Lugo son inmigrantes

A Concelleira de Benestar Social e Igualdade, Ana González Abelleira, presentou hoxe os VI Encontros das Culturas, organizados polo Concello e que terán lugar os días, 20. 21, 22, 23 e 24 de maio.

González Abelleira explicou que a súa Concellería ten entre os seus obxectivos “sensibilizar á poboación de Lugo sobre o fenómeno migratorio e axudar a darlle unha imaxe positiva á inmigración”. A Concelleira manifestou que, segundo as últimas estatísticas, en Lugo están empadroadas 5.541 persoas inmigrantes.

Para cumprir con estes obxectivos, indicou, o Concello organiza anualmente os “Encontros das culturas” nos que se programan actividades de tipo intercultural onde se dan a coñecer outras culturas, onde se trata de fomentar a perda do medo cara o descoñecido e o respecto entre todas as culturas.

Ana González destacou tamén que “ademais queremos informar ás persoas inmigrantes dos dereitos e da situacións actual en materia xurídica e de sanidade despois dos recortes levados a cabo polo goberno de Rajoy”.

Programa

A programación comezará o luns 20 ás 19:00 horas coa proxección dun documental Camiños de paz: as outras voces de Israel-Palestina producido pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e a Asemblea de Cooperación pola Paz. Na presentación do documental participará Alejandro Quiñoá Casteleiros e o operador de cámara do documental Hugo Fernández Balseiro. Ao remate do acto que terá lugar no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, haberá unha degustación de comida árabe e inaugurarase unha exposición fotográfica co mesmo nome do documental.

O martes 21 celébrase o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e Desenvolvemento coa inauguración da exposición Imaxes con Fondo e a presentación do documental O fondo galego:compromiso coa solidariedade a cargo de Carmen Novas, responsable de comunicación do Fondo Galego e voluntaria da Asociación Galega de Reporteiro Solidarios. Os actos comezan ás 19.00 horas no Centro de Convivencia de Fingoi.
A exposición de fotografías, que poderá visitarse ata o 26 de maio, pretende promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da palabra e a imaxe. Deseñada polo debuxante Pepe Carreiro, está conformada por 19 obras que apostan polas condutas solidarias e respectuosas coa contorna e coas persoas que nela habitan. A solidariedade interxeneracional, o aforro enerxético, o respecto ambiental, o consumismo, a prostitución, a explotación laboral, a crise alimentaria e as desigualdades Norte-Sur son algunhas das temáticas abordadas.

O mércores 22 de maio as actividades están dirixidas para o público máis pequeno xa que se levará a cabo o contacontos A música das árbores, unha viaxe conto musical do Courel a Bangladesh de Anxo Moure. Será ás 17.00 horas no Centro Convivencia Maruja Mallo e ás 19.00 no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.

O 23 de maio Nieves Pazos, Zita Méndez e Isabel Ozores Sieira impartirán diferentes charlas informativas sobre o dereito a atención sanitaria e novidades en estranxeiría ás 19.00 horas no Centro Convivencia Uxío Novoneyra.

Finalmente, ás 19.30 da tarde do venres 24, celebrase, no Centro de Convivencia de Fingoi o Concerto Entre Culturas da man do músico uruguaio, Walter César López, que coa súa música fará un percorrido por diferentes zonas de Uruguai da man de Alfredo Zitarrosa.

Multimedia

Noticias relacionadas