O Concello organiza este xoves o primeiro seminario online dirixido a autónomos e pemes para fortalecer as súas empresas cando reabran

Esta acción enmárcase no proxecto pioneiro en España, posto en marcha polo Goberno de Lara Méndez en colaboración coa EOI, para asesorar ao tecido empresarial lucense, co fin de minimizar o impacto da pandemia na economía
 
Mónica Álvarez Flores, directora do despacho Álvarez Real de Lugo, será a encargada de impartir o primeiro webinar, que tratará sobre a reestruturación financeira e as principais liñas públicas de apoio no marco do COVID-19 en Lugo
 
As inscricións, totalmente de balde, poden realizarse a través do seguinte enlace: https://www.eoi.es/es/eventos/34821/webinar-lineas-publicas-de-apoyo-en-...

Martes, 21 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello organiza este xoves o primeiro seminario online dirixido a autónomos e pemes para fortalecer as súas empresas cando reabran

O Goberno de Lara Méndez organiza este xoves, 23 de abril, a partir das 16:30 horas, o primeiro seminario online dirixido a autónomos e pemes lucenses, co obxectivo de fortalecer as súas empresas, ofrecendo asesoramento gratuíto para que, unha vez superada a situación actual, saian reforzados. Trátase do proxecto pioneiro en España, posto en marcha polo Concello en colaboración coa EOI, mediante o cal expertos e asesores ofrecerán formación en liña a emprendedores facer fronte e minimizar o impacto da pandemia na economía lucense.

Mónica Álvarez Flores, directora do despacho Álvarez Real de Lugo, con máis de 25 anos de experiencia no ámbito da asesoría e consultaría a empresas, autónomos e emprendedores, será a encargada de impartir o primeiro webinar, que tratará sobre a reestruturación financeira e as principais liñas públicas de apoio ao tecido empresarial no marco do COVID-19 en Lugo. Os interesados en participar no seminario, que terá unha duración aproximada de dúas horas, deberán inscribirse a través do enlace: https://www.eoi.es/es/eventos/34821/webinar-lineas-publicas-de-apoyo-en-el-marco-del-covid-19-en-lugo-coworking-lugo

A área de Desenvolvemento Local e Emprego, a cargo do edil Mauricio Repetto, deseñou este programa de consolidación empresarial, que será impartido por titores e consultores da EOI de forma desinteresada. Será unha experiencia piloto que durará un mes e medio e que, de ter éxito, se consolidará no tempo.

Toda a actividade desenvolverase en liña mediante a plataforma de e-learning que a EOI xa ten en marcha co Concello para a formación dos participantes no programa Inicia Coworking. Os seminarios están deseñados para apoiar a micropemes e autónomos, ofrecéndolles ferramentas que lles axuden a enfrontarse á situación actual e a reactivar os seus negocios.

Estas consultorías contarán cunha primeira fase de diagnóstico, na que un experto se reunirá co empresario/a para a realización dun análise completo da situación actual co obxecto de detectar, tanto as áreas potenciais de mellora, como a capacidade de reorientación da empresa; e unha segunda fase estratéxica, na que desenvolverá un plan de reimpulso da súa actividade axustado ás súas necesidades e recursos.​​

Ademais, as empresas poderán realizar consultas en liña con expertos na materia que, voluntariamente, participan na iniciativa para abordar diferentes cuestións tanto técnicas, legais, financeiras, como de márketing, comunicación ou branding.

Audio

  • O edil Mauricio Repetto, sobre o webinar "Axudas Covid-19" | Descargar mp3

Noticias relacionadas