A iniciativa do Concello de Lugo, en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, é gratuíta, aínda que precisa de inscrición previa no 010 ata cubrir as 35 prazas dispoñibles.
A celebración desta actividade, dunhas tres horas e media de duración, pretende dinamizar e divulgar temas relacionados co medio ambiente no ámbito do noso territorio.

A área de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo organiza para este sábado, día 8, un curso de Iniciación á Micoloxía no Impulso Verde e nos bosques próximos á cidade, cuxo obxectivo é dinamizar e divulgar temas relacionados co medio ambiente no ámbito do territorio municipal.
O obxectivo do curso pasa polo estudio dos fungos e aspectos relacionados coa nutrición, clasificación sobre os que son comestibles, cultivo, identificación e características dos cogomelos. Estes serán algúns dos temas que se abordarán na parte teórica, que se desenvolverá no edificio Impulso Verde, a partir das 10.00 horas, para desde as 11.30 iniciar a parte práctica, que se desenvolverá durante outras dúas horas por bosques próximos á cidade.
A iniciativa do Concello de Lugo, realizada en colaboración coa Sociedade Micolóxica Lucus, é gratuíta, aínda que precisa de inscrición previa no 010 ata cubrir as 35 prazas dispoñibles. De feito, a parte teórica, cunha proxección audiovisual nas instalacións do Impulso Verde, será impartida por docentes da citada agrupación, espertos ademais en todo o que rodea á Reserva da Biosfera de Terras do Miño, como zona principal sobre a que se desenvolverá este curso.
Na parte práctica, con saída ao campo, estudiarase a identificación dos cogomelos no seu propio hábitat, con explicacións e aplicacións de técnicas axeitadas e sostibles de recolleita. Ademais, se tratará a normativa vixente sobre aproveitamentos micolóxicos, así como dos valores naturais e medio ambientais de Lugo.
Os obxectivos, en definitiva, pasan por impartir unha formación seria, rigorosa, completa e de calidade sobre micoloxía, inculcando na cidadanía valores de coñecemento e respecto á natureza e ao medio ambiente e de cumprimento da normativa de aproveitamentos micolóxicos. Ademais, se prestará especial atención á prevención de intoxicacións por consumo de cogomelos.
A Sociedade Micolóxica Lucus, fundada en 2001, é unha asociación sen ánimo de lucro, cultural, naturalista e micolóxica, que desenvolve cada ano un extenso programa de actividades nestes eidos, ademais de organizar diversos eventos por toda a provincia de Lugo, para divulgar contidos relacionados coa micoloxía, a natureza e o medio ambiente, en colaboración permanente coas diversas administracións públicas. Desde o ano 2012 pasa a formar parte do Órgano de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, polo que o seu coñecemento sobre esta contorna de especial riqueza natural é moi amplo, algo que será aproveitado polas persoas que asistan a esta nova iniciativa.

